A Mesa pola Normalización Lingüística

COMPROMISO DE APLICACIÓN DO PLAN XERAL DE NORMALIZACIÓN DA LINGUA GALEGA NOS CONCELLOS E DEPUTACIÓNS

Tras os datos publicados polo Instituto Galego de Estatística na Enquisa de condicións de vida das familias. Coñecemento e uso do galego. Ano 2013,  onde se sinala máis unha vez a redución do uso da lingua en todos os sectores, queremos mostrar o noso compromiso activo co futuro da lingua galega e coa súa plena normalización en todo canto dependa da nosa acción como Concellos e Deputacións garantindo a presenza normal da nosa lingua.

 

Por isto, de acordo co establecido no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade no Parlamento Galego en

2004, e de acordo coa Lei 5/1988, do 21 de xuño de uso do galego como lingua oficial de Galiza polas entidades locais e da Lei 5/1997 das administracións locais de Galiza.

 

Para repor a nosa lingua en todos os espazos e usos que nunca debeu perder e para restaurar o seu uso como lingua propia e oficial de Galiza.

 

Conscientes de que as institucións municipais, as máis achegadas á cidadanía, exixen maior e mellor e mellor atención ás demandas sociais e que estas non poder ser plenamente satisfeitas sen a lingua galega, o noso máis importante sinal de identidade colectiva e elemento de cohesión social, indicador da autoestima e confianza no noso presente e futuro como pobo.

 

Comprometémonos a aplicar, ou no seu caso continuar a aplicar,  as seguintes medidas concretas previstas no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega:

 

– Establecer que nos pregos de condicións dos concursos se inclúa de oficio a cláusula de que “as ofertas e estudos técnicos que se acompañen deberán, polo menos, estar redactados en galego”.

 

– Establecer que todos os departamentos e organismos dependentes das deputacións e concellos teñan a lingua galega como lingua xeral de referencia oral e escrita, así como a súa utilización de todos os cargos eleitos no exercicio das súas funcións.

 

– Establecer que os actos xurídicos documentados e as relacións xurídicas e notariais da Administración local, que se refiran a actividades de ámbito galego, se redactarán normalmente en lingua galega.

– Establecer que as intervencións xudiciais da Administración se realizarán en lingua galega.

– Establecer que todos os traballos topográficos e cartográficos que fagan ou encarguen as administracións teñen que levar incorporada a recollida da microtoponimia consonte o sistema deseñado pola Comisión de Toponimia e que o material toponímico recollido deberá ser remitido ao SITGA, para a súa organización e posta á disposición da sociedade na rede.

– Establecer que todos os contratos e axudas públicas de calquera tipo, deberán producir un aumento efectivo da presenza do galego na entidade receptora e avaliar o cumprimento.

– Establecer normas xerais e uniformes sobre a capacidade lingüística exixíbel nos procesos de acceso á función pública e no desempeño desta función.

– Programar un novo proceso de formación lingüística dos funcionarios que teña como obxectivo mellorar as actitudes, a fluidez e mais o coñecemento do vocabulario técnico específico.

– Establecer plans nas deputacións provinciais para a adquisición e/ou elaboración de todos os programas de xestión administrativa en galego.

– Establecer que as respostas telefónicas das administracións locais debe ser en principio en galego (Oferta Positiva).

– Impulsar a creación dun Servizo Municipal de Normalización Lingüística que desenvolva accións de promoción da lingua galega e coordine a posta en marcha do aquí sinalado.

– Establecer que as escolas infantís municipais garantirán cando menos o 50% de presenza do galego en toda a súa actividade e que contarán con materiais en galego.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra