Ningún banco garante o dereito a usar o galego, segundo O Informe sobre o uso do galego nas entidades bancarias da Mesa

A entidade considera especialmente preocupante o feito de que tanto Santander (e todas as súas filiais) como BBVA non traduzan a súa páxina web, xa que entre ambas as dúas suman o 40% das contas bancarias da Galiza

Abanca, Banco Sabadell e Caixabank permiten empregar a lingua galega, tanto na súa web como nas aplicacións móbiles e nos caixeiros

Compostela, 14 de decembro de 2018.- A Mesa pola Normalización Lingüística presentou esta mañá en Compostela o informe O uso do galego nas páxinas web das entidades bancarias, no que analiza como empregan os bancos o galego nas súas páxinas web, aplicacións e caixeiros, facendo especial fincapé naquelas que teñen un convenio público coa Xunta de Galiza e que, polo tanto, actúan como ferramenta e medio para realizar pagamentos de multas, taxas, bolsas, sancións e demais procedementos administrativos de obrigado cumprimento.

Segundo o recollido neste Informe, ningún banco garante o dereito da poboación galega a usar a súa lingua e unicamente 4 das 14 “entidades financeiras colaboradoras” ás que as persoas usuarias deben acudir para realizar determinados trámites como obrigatorios e necesarios como o pagamento de taxas universitarias, sancións administrativas, diversas taxas por servizos públicos administrativos ou venda de bens, entre outros, ofrecen servizos web en galego. “Cada día é mais habitual”, advirte Marcos Maceira, presidente da Mesa, “realizar as actividades bancarias mediante Internet, independentemente do grupo de idade. De forma que aos galegos e galegas impónselles a obriga de realizar os trámites obrigatorios e públicos en español sen opción en galego, a pesar de pagaren taxas e prezos á Xunta”. “Tan só o 33,33% das entidades garante o uso do galego na web, unha porcentaxe menor que o de linguas non oficiais como o inglés, que está presente nun 42% dos casos”, denunciou Elsa Quintas, vicepresidenta da Mesa e responsábel do Observatorio de Dereitos Lingüísticos.

Entre as entidades con convenio público, Abanca, Banco Sabadell, Caixabank e Caixa Rural Galega contan cunha versión en galego nas súas páxinas web, mentres que BBVA, Banco Santander, Banco Pastor, Banco Popular, Bankia, Caja Rural Zamora, Ibercaja, Targobank e Banca Caixa Geral non ofrecen ningunha versión na lingua propia de Galiza. Abanca, Banco Sabadell e Caixabank ofrecen, tamén, a posibilidade de usar o galego tanto nos caixeiros como na aplicación móbil, aspecto que non cumpre Caixa Rural Galega. “É especialmente preocupante”, indicou Quintas, “que nin o Banco Santander nin o BBVA traduzan a súa páxina web, xa que entre as dúas entidades suman o 40% das contas bancarias da Galiza, dando como resultado centos de miles de galegas e galegos que non poden xestionar as súas operacións económicas e financeiras en galego”. Ambas as dúas entidades teñen, porén, versión das súas web en catalán e, no caso do BBVA, en inglés.

A Mesa pola Normalización Lingüística é unha plataforma independente, plural e apartidaria que ten como único obxectivo a promoción do uso do galego en todos os ámbitos da vida social propios de calquera idioma, presentamos un novo informe relacionado co uso do galego no noso país. “A posibilidade de desenvolvermos unha vida plena en galego é condición esencial para a normalización Lingüística, que a Xunta de Galiza ten o deber de impulsar e fomentar”, indicou Maceira. “Os poderes públicos galegos teñen a obriga legal de combater a falsa naturalidade do tratamento do galego como lingua estranxeira na súa propia nación”.

“Os poderes públicos galegos teñen a obriga de garantir o dereito a usar do galego, por iso, han de promulgarse medidas legais para a igualdade real e efectiva da nosa lingua como a proposición de lei, por iniciativa lexislativa popular de Medidas para a garantía dos dereitos lingüísticos no ámbito socioeconómico que presentou no Parlamento de Galiza en 2017 a Mesa pola Normalización Lingüística” recordou Quintas. Ademais, ha de contribuírse de xeito activo desde a administración pública e todo o sector público galego a asegurar a presenza da nosa lingua e dar exemplo ao facer convenios con bancos que garantan o exercicio do dereito elemental de empregar sempre a lingua propia no propio país. “Se a Xunta, os 315 concellos e as catro deputacións non son capaces con todos os millóns de euros que xestionan de conseguir que as entidades bancarias cumpran a legalidade en cuestións tan básicas, tan sinxelas e baratas, como as van facer cumprir outras cuestións máis complexas?” inqueriu Maceiras. “Se centos de entidades públicas con millóns de euros non conseguen que se respecten os nosos dereitos lingüísticos, teremos que ser miles de cidadáns con centos de euros quen o consigamos”, remarcou.

Ligazóns de interese: Informe

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra