Liña do Galego

A Liña do Galego é un servizo gratuíto ofrecido pola Mesa pola Normalización Lingüística dirixido a toda a poboación que tramita queixas cara ás institucións, empresas, etc, que vulneran os dereitos lingüísticos; así como parabéns para quen dea pasos cara a garantia do dereito a vivir en galego.

Consultas sobre seus dereitos lingüísticos

    Fotografía, pantallazo, etc en formato "jpg".

    As queixas que enviamos tramítanse a través do Observatorio de Dereitos Lingüísticos para protexer o teu anonimato, mais non admitimos queixas enviadas de forma anónima, polo que precisamos que nos facilites os teus datos.

    A Mesa puxo en marcha a app A Liña do Galego; o obxectivo desta aplicación é proporcionar as usuarias e usuarios unha nova forma de comunicación que permita o envío de queixas e parabéns dunha forma sinxela, rápida, segura e cómoda.

    Moitas e moitos galegofalantes continúan a considerar normal a exclusión do seu idioma e iso é algo que queremos axudar a mudar porque, cando a poboación non é consciente dos seus dereitos, existe un défice democrático que cómpre corrixir. A idea de que hai dereitos lingüísticos en Galiza, tanto individuais como colectivos, non está asentada, canto máis nos territorios onde nin sequera teñen recoñecemento legal estes dereitos.

    Coa Liña do Galego quérese afortalar o obxectivo de dar cobertura e amparo ás persoas ás que se lles impide desenvolver a súa vida na lingua propia do país. Cando unha persoa chama ou escribe, ábrese un expediente na base de datos ao que se lle asigna unha numeración para lle poder facer o seguimento. Con todas as queixas, consultas e parabéns realizarase un informe anual, que servirá tanto de diagnose da situación como para propor medidas de mellora para o ano seguinte.

    Queixas

    • Unha persoa traballadora dunha administración pública negouse a me atender en galego.
    • Os sinais da estrada exclúen a lingua propia de Galiza.
    • Estiven máis de dúas horas ao teléfono para conseguir que a miña compañía telefónica me atendese na miña lingua.
    • A miña crianza non recibe as aulas en galego.
    • Unha entidade emprega toponimia deturpada na súa documentación.
    • Se viviches algunha destas situacións ou outras onde se vulneraron os teus dereitos lingüísticos, denúnciao! Na Liña do Galego tramitamos as queixas da cidadanía ante as entidades afectadas, con total garantía de confidencialidade para os datos da persoa que denuncia.

    Consultas

    • Teño dereito a que unha persoa funcionaria da Administración do Estado me atenda en galego?
    • Como podo galeguizar o meu apelido?
    • Podo falar galego no meu traballo?
    • A que administración me teño que dirixir para pór unha queixa pola vulneración dos meus dereitos lingüísticos?
    • Existen modelos de contratos de alugueiro en galego?
    • Dirixe todas as túas dúbidas sobre os dereitos lingüísticos da comunidade galegofalante á Liña do Galego. Para isto, indícanos o teu nome e apelidos, correo electrónico, teléfono, o teu enderezo postal e o motivo da túa consulta.

    Parabéns

    • Coñeces algún estabelecemento onde a atención se dea en galego?
    • Algunha entidade que aposta por esta lingua na súa publicidade ou na etiquetaxe dos seus produtos?
    • Unha empresa que teña a súa páxina web en galego?

    Ademais de recibiren os teus parabéns polo impulso á normalización da nosa lingua, podes empregar a Liña do Galego para lles facermos chegar as felicitacións da Mesa en representación das nosas máis de 4.000 socias e socios.

    Deputación da Coruña
    A Liña do Galego conta cunha axuda da Deputación da Coruña

    Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

    Subscrición á ReMesa

    Carriño da compra