Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüistas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados pola dramática situación que está atravesando a lingua galega e os atropelos e conculcación dos dereitos lingüísticos que sofren acotío os seus falantes, deciden fundar o Observatorio de Dereitos Lingüísticos, auspiciado pola Mesa Pola Normalización Lingüística, para, coa máis rigorosa imparcialidade e profesionalidade:

  • Emitir e difundir anualmente un informe analizando e avaliando a evolución da situación lingüística na Galiza, nomeadamente as discriminacións e desagravios sufridos, as vulneracións dos dereitos lingüísticos e as situacións de desamparo.
  • Comprobar e exixir que as institucións públicas observen o cumprimento da legalidade en materia lingüística, así como propor medidas de actuación.
  • Analizar a política de subvencións en materia lingüística e avaliar os seus resultados.
  • Denunciar e pór en evidencia as deficiencias da lexislación e do cumprimento desta, e propor modificacións lexislativas que tendan a mellorar o marco legal do galego.
  • Denunciar as discriminacións lingüísticas que se cometan contra falantes de galego.
  • Prestar asesoramento xurídico e defender a aquelas persoas que sufran tales discriminacións.
  • Facer seguimento, en diálogo co movemento asociativo en defensa da lingua, do cumprimento na Galiza dos tratados internacionais relacionados cos dereitos lingüísticos, como a “Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias” ou a “Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos”.
  • Constituírse en válido interlocutor con asociacións, institucións e organismos estatais e internacionais relacionados coa defensa da lingua galega e/ou co cumprimento da lexislación vixente.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra