Mocidade

Folga estudantil no ensino medio o 19 de abril para “parar os ataques contra o galego”

A Mesa e a súa sección xuvenil, os Comités, a Liga Estudantil Galega e o Sindicato de Estudantes denuncian quea porcentaxe semanal de horas que se imparten en galego non chega ao 20%

As organizacións convocantes da folga piden que “o galego exista” , tamén nas materias científico-técnicas en que o decretazo “impón o uso obrigatorio do castelán”

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Esta mañá presentáronse en conferencia de imprensa en Santiago de Compostela a convocatoria e os materiais da folga estudantil no ensino medio do vindeiro 19 de abril, cuxo lema central será “Paremos os ataques contra o galego”.

Sara Seco, responsábel nacional da Mocidade pola Normalización Lingüística, sección xuvenil da Mesa; Brais Pedreira, dos Comités; Vítor Giadás, da Liga Estudantil Galega; e Manu Andión, do Sindicato de Estudantes, expuxeron os motivos que levan as súas organizacións a chamar a parar as aulas o vindeiro 19 de abril. Unha convocatoria, indicaron, que conta xa “co apoio doutras organizacións do ámbito xuvenil” que nos vindeiros días se irán dando a coñecer e que está “aberta” a “novos apoios”.

Segundo explicou Sara Seco, nestes tres anos de goberno de Núñez Feijóo non se puxo en marcha “nin unha soa medida favorábel” á lingua propia de Galiza. A responsábel nacional da sección xuvenil da Mesa acusou, pola contra, o executivo de practicar unha política lingüística no ámbito educativo destinada a “reducir o noso idioma á mínima expresión” e de aprobar un decreto que “é, na práctica, un decretazo contra o galego”.

Todos os representantes das organizacións convocantes da folga estudantil coincindiron en amosar a súa preocupación pola “calamitosa” situación do galego nas aulas de ensino medio. Segundo os seus datos, a media do horario semanal de aulas que se imparten na lingua propia de Galiza só no ensino medio é do 20%, “moi por debaixo, xa que logo, do propio límite fixado polo propio decreto”, do 50-33% en función do grao de introdución da terceira lingua para unha parte do currículo. Neste aspecto, os convocantes advirten que se está a evidenciar “o uso da incorporación do inglés como coartada para eliminar aulas en galego”.

Os representantes das organizacións convocantes da folga estudantil tamén coincidiron en sinalar como outro dos “graves ataques contra o idioma” o feito de o decretazo “prohibir” o uso do galego para impartir as materias de Matemáticas, Física e Química e Tecnoloxía. “Unha prohibición”, din, “que non ten semellanza en ningún outro territorio do Estado con lingua propia”. Os impulsores da folga do 19 de abril recordan que o contexto de crise económica e de brutais recortes no sistema educativo “non foi impedimento” para que a Consellaría de Educación gastase “inxentes” cantidades de diñeiro público en “destruír” libros e materiais das materias científico-técnicas “só por estaren en galego”.

As organizacións impulsoras do paro desenvolverán durante as vindeiras semanas unha campaña informativa previa que compaxinará a presenza nos propios centros de ensino e nas redes sociais, nas que de feito xa comezou a difusión da convocatoria: en twitter, co hashtag #19Aestudantespologalego, e con cadanseu evento en tuenti e en facebook. Para máis información, as persoas interesadas en recibiren máis información sobre a convocatoria terana actualizada diariamente na páxina www.amesanl.org/mocidade e poderanse dirixir ao correo electrónico mocidade@amesanl.org.

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis