As organizacións convocantes destacan o paro como un “xesto de responsabilidade e compromiso” do alumnado co futuro do galego e pídenlle a Feijóo que “escoite a contudente mensaxe” enviada hoxe “en forma de ducias de aulas baleiras”
Sara Seco, responsábel nacional das Mocidades da Mesa: “A pesar de que a TVG nos censure e a Xunta queira facer como que non existimos, a de hoxe está a ser unha nova ‘xornada histórica’ en defensa do galego”
As organizacións convocantes da folga estudantil de hoxe so o lema “Paremos os ataques contra o galego” consideran o paro “un éxito”, falan de “folga masiva” na práctica totalidade da xeografía do país e dan os “parabéns” a todo o alumnado que hoxe secundou a xornada reivindicativa demostrando “comprimiso e responsabilidade” co futuro da lingua propia de Galiza.
Segundo os datos que ao longo da mañá foron recollendo A Mesa pola Normalización Lingüística e a súa sección xuvenil, a Mocidade pola Normalización Lingüística; os Comités; a Liga Estudantil Galega e o Sindicato de Estudantes, é posíbel falar dun seguimento mesmo superior ao 80% entre o colectivo do alumnado chamado á folga: 2º ciclo da ESO, bacharelatos e ciclos formativos, tanto de grao medio como superior.
Cun apoio á convocatoria que mesmo en moitos centros chegou ao 100%, as organizacións convocantes salientan que esta estea a ser unha folga “secundada por igual” na práctica totalidade de Galiza, sen grandes diferenzas xeográficas. De feito, a repercusión foi desde primeira hora da mañá “moi significativa” en moitos institutos das sete cidades, especialmente en Vigo, Santiago de Compostela, A Coruña, Ourense ou Ferrol, porén tamén en moitas vilas pequenas e medianas.
As entidades convocantes da folga estudantil sinalan que esta tamén foi unha xornada reivindicativa secundada “sen grandes diferenzas” en función da etapa educativa, pois os datos falan dun seguimento “moi elevado” tanto no 2º ciclo da ESO como nos cursos de Bacharelato ou nos ciclos formativos. Cómpre sinalar que, na maioría dos casos, os datos achegados polos equipos directivos dos centros adoitan incluír no cómputo o alumnado do 1º ciclo da ESO, que non estaba chamado a secundar a folga.
A convocatoria de paro de hoxe, que tamén contou co apoio das organizacións xuvenís Galiza Nova, área de Mocidade de Esquerda Unida e Mocidade Nacionalista Galega (MNG), non incluíu no inicio concentracións ou outras accións reivindicativas na rúa. Porén, nalgúns casos organizáronse pequenos actos simbólicos “en defensa do dereito a aprender e a estudar en galego” nas entradas dalgúns institutos. Tal foi o caso en localidades tan dispares como Vigo ou A Fonsagrada.
Aínda que moitas das aulas dos centros de ensino medio de Galiza permaneceron desertas durante toda a mañá, as organizacións convocantes sinalan que redes sociais como twitter foron un auténtico “fervedoiro” de mensaxes e mencións de apoio á convocatoria a través do uso do hashtag #19Aestudantespologalego, a inmensa maioría provenientes de estudantes en folga, mais tamén de persoas doutras idades que non quixeron perder a ocasión de solidarizarse co estudantado que hoxe se mobilizou masivamente.
A Mesa e as súas Mocidades, os Comités, a Liga Estudantil Galega e o Sindicato de Estudantes pídenlle a Alberto Núñez Feijóo e ao seu goberno que “conxuguen o verbo escoitar” e que “tomen nota da clara mensaxe que hoxe lles foi trasladada en forma de ducias de aulas baleiras”.