A Mesa pola Normalización Lingüística recorda que para continuar o trámite parlamentar só serán válidas as sinaturas certificadas pola Xunta electoral e anima as persoas interesadas a asinaren os pregos oficiais en estabelecementos de toda Galiza antes do 2 de abril
Compostela, 27 de xaneiro de 2021.- No ecuador da campaña da Iniciativa Xabarín, que se prolongará até o 2 de abril, A Mesa pola Normalización Lingüística anuncia que xa se levan reunido 15000 sinaturas, seis veces máis do mínimo de 2500 requirido pola lei de iniciativa popular para que esta proposición poida continuar os tramites parlamentares. A entidade lanza hoxe nas redes sociais a mensaxe Xa somos 15mil, mais aínda faltas ti e recórdalles ás persoas interesadas en amosar o seu apoio que poden asinar os pregos oficiais en ducias de estabelecementos de toda Galiza. Hai un mapa na rede que permite elixir os máis axeitados para cada quen (ligazón).
A Mesa amosa a súa satifacción pola grande resposta que está a acadar a proposta, mostra da ampla demanda de audiovisual en galego, nomeadamente para a mocidade, con contidos propios e con oferta internacional dispoñíbel dobrada e lexendada ao galego. “Mesmo en plena pandemia, coa imposibilidade de realizar actos de difusión da iniciativa e de reivindicación da necesidade do galego na televisión, a sociedade esta a responder”, asegura o presidente da entidade de defensa da lingua, Marcos Maceira. “Porén”, matiza, “precisamos que ninguén fique sen asinar para demostrar que somos miles e miles as persoas que queremos galego en toda a oferta televisiva”. “O grupos parlamentares, e nomeadamente o do Partido Popular que sostén o goberno, deben ver con claridade a forza da sociedade galega que demanda que a TVG lidere de novo a programación infantil e xuvenil cunha canle para todas as plataformas e unha app dispoñíbel en todos os dispositivos”, remata.
A Proposición Non de Lei de Iniciativa Popular ao Parlamento de Galiza insta ao goberno galego a tomar as medidas precisas para que a CRTVG aumente a oferta en galego destinada á infancia e á mocidade nas televisións públicas a través dunha canle “Xabarín”, con programación atractiva, actual, educativa e de produción galega dirixida ao público infantil e xuvenil e dispoñíbel en todas as plataformas dixitais, así como nunha App actualizada para todos os dispositivos e que conte ademais con programas e xogos.
A proposta insta tamén o goberno de Feixoo a adoptar as medidas e accións precisas para garantir a opción dobrada e lexendada ao galego nas plataformas dixitais e a TVE a emitir con opción dobrada ao galego todos os contidos da súa canle infantil e xuvenil e da súa App para o público infantil. O goberno galego deberá tamén adoptar as medidas necesarias que permitan a recepción mutua RTP – TVG en Galiza e Portugal segundo o contemplado na Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias.