A LIÑA DO GALEGO / A aplicación da lei mordaza a un cidadán que solicitou antención en galego irá a xuízo o 3 de xuño

A Mesa pola Normalización Lingüística recorda que quen queira contribuír aos gastos de defensa da persoa denunciada pode facelo a través da súa web e anuncia que os próximos días convocará accións para que a cidadanía poida expresarlle publicamente o seu apoio.

 A Mesa pola Normalización anuncia que a aplicación da lei mordaza ao cidadán que foi sancionado por reclamar ser atendido en galego no centro de saúde de Rianxo, en abril de 2021, irá a xuízo dentro dun mes, o 3 de xuño. O proceso presentou múiltiples irregulariedades, chegando a delegación do goberno en Galicia a negar, no proceso de alegacións á sanción, a validez das declaración das testemuñas presentes, que contradicían a versión policial, por ser veciñas da vítima e soster unha lonxincua, e inexistente a efectos legais, relación de parentesco. Cómpre recordar que os feitos sucederon nun cribado por Covid, no centro de saúde da localidade, polo que resulta comprensible que as testemuñas foran, todas elas, veciñas. Nese punto, os servizos xurídicos da Mesa pola Normalización Lingüística aconselláronlle á vítima aboar a multa e recorrer a denuncia no xulgado.

Para A Mesa, a intención da administración sanitaria, da policía local e da Delegación do Goberno detrás destes feitos é, nas palabras do seu presidente, Marcos Maceira, “amedrentar a calquera cidadán que manifeste intención de exercer os seus dereitos lingüísticos”. “Só así se explica que se admita como válido un atestado no que a policía admite ter mentido a un cidadán sobre as garantías de exercicio dos dereitos lingüísticos recoñecidos pola Lei de emprego público de Galiza, polo Estatuto básico dos empregados públicos, pola Lei de Normalización Lingüística, pola Lei orgánica de Estatuto para Galiza ou pola Carta Europea das Linguas”, afirma Maceira.

A Delegación do Goberno chegou a cuestionar a comprensíbel indignación dun cidadán “solo por decirle que el personal médico no tenía la obligación de hablarle en gallego”. Para o Goberno español resulta normal que un atestado policial inclúa afirmacións como “que non tiñan a obriga de falarlle en galego”, que nega a validez a un dereito recollido nos artigos 74.s) da Lei 2/2015 do emprego público de Galiza; ao art. 51 que define os requisitos lingüísticos do funcionariado, que debe coñecer a lingua; e ao artigo 54.11 do Real Decreto Lexislativo 5/2015 de 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto Básico do Empregado Público. Tampouco contempla a posibilidade de que en virtude do art. 185.1.b) da mesma Lei 2/2015 esteamos perante un caso de discriminación por motivo de lingua, o que é unha falta moi grave e pode levar consigo a inhabilitación para a función pública.

Perante esta tentativa da policía de Rianxo e da delegación do goberno español de amedrentar a cidadanía que amparada pola lexislación solicite ser atendida en galego, o cidadán afectado, asistido polos servizos xurídicos da Mesa, presentou recurso. No entanto, a Delegación do Goberno non atendeu a razóns nin á mínima garantía dos dereitos democráticos, recoñecendo como válida a versión policial de que é o cidadán o que ten que renunciar ao uso do galego.

O xuízo terá lugar dentro do recurso presentado polo cidadán á imposición da multa. A Mesa pola Normalización Lingüística está a asumir os gastos da defensa deste cidadán e xa aboou a multa. Calquera persoa que desexe contribuír pode facelo a través da web da Mesa polo Normalización Lingüística. Os fondos recadados destinaranse integramente á defensa do dereito ao uso do galego en todos os ámbitos. A Mesa informará nos próximos días das accións que levará adiante para expresar publicamente o seu apoio á persoa denunciada.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra