| Compostela, 25 de abril de 2026.- A asamblea xeral anual da Mesa pola Normalización Lingüística ampliou esta mañá a súa xunta directiva pasando de 12 a 18 persoas. O órgano de xestión da entidade en defensa da lingua estará conformado por Celia Armas (A Coruña), Elsa Quintas (Vigo), Ana Paz (Ribadavia), Manuel Carniceiro (Ourense), Brenda González (Lugo), Mónica Pazos (Foz), Iago Mosqueira (A Coruña), Hadrián García (Carballo), Carla Alonso (Tomiño), Paulo Filgueiras (Miño), Diego Bará (Pontevedra), Lucía Barreiro (O Pino), Francisco Xil (Ferrol), Alba Feixóo (Xinzo), Francisco Pérez (Santiago), Sara Seco (Valga) e Xose María Cotelo (A Laracha). Como presidente resoltou reeleito Marcos Maceira. A asemblea aprobou, tamén, o plan de actividades para os próximos meses, salientando o impulso do Protocolo Lingua Vital e a denuncia perante a CNMC das canles e plataformas audiovisuais que incumpran as porcentaxes mínimas de oferta infantil e de series e filmes en galego, segundo a Lei xeral de comunicación audiovisual. A asociación en defensa do galego manterá, asimesmo, a reclamación da garantía dos dereitos lingüísticos en todos os ámbitos, tamén no internacional. Para desenvolvelo, a asemblea acordou mellorar a presenza e visibilidade nas diferentes zonas con campañas nacionais e comarcais destinadas a facer fronte á emerxencia lingüística. O aumento do número de socias e socios foi tratado na asemblea como crucial para mellorar e ampliar a actividade da asociación pola lingua. Finalmente, a asemblea da Mesa acordou conmemorar a final de ano os seus 40 anos de actividade continuada a favor da lingua de Galiza. Segundo sinalou o presidente ao remate da asemblea, “nestes 40 anos de existencia, A Mesa demostrou ser unha ferramenta imprescindíbel para actuar na defensa do galego, sostida co apoio das súas máis de 4000 socias e socios, que achegan o 80% do seu orzamento e aseguran a independencia necesaria para facerlle fronte ao goberno na Xunta que insiste no seu plan, cada vez menos oculto, de enterro do galego”. “O reto que nos fixamos xunto a ducias de entidades sociais de todos os ámbitos é a aplicación do Protocolo Lingua Vital para reverter a emerxencia lingüística actuando no ensino, na administración ou no sector audiovisual procurando o cumprimento dos mínimos que estabelece unha lei de por si insuficiente”, concluiu Marcos Maceira. |

