A Mesa pola Normalización Lingüística celebrou esta fin de semana en Compostela a súa Asemblea Xeral anual, salientando o crecemento en socias e a necesidade de seguir aumentando a súa base social, ao ser o seu principal sostén económico. A pesar de non contar con ningún tipo de subvención do Estado ou da Xunta, a principal entidade de defensa do galego foi capaz de mellorar os seus servizos de atención aos dereitos lingüísticos da cidadanía, de apoio ás empresas e para deseñar e executar diversas campañas, co obxectivo de conseguir avances para o galego ou, polo menos, frear os ataques que recibe a lingua do país.
Deste xeito, a asemblea valorou positivamente o impacto e os pequenos logros acadados pola Iniciativa Xabarín. Porén, anunciou tamén novas accións para conseguir mellorar o acceso aos contidos dispoñíbeis e aumentalos en cantidade e calidade, así como maior presenza da programación infantil e xuvenil tanto na TVG como nas canles estatais, nomeadamente TVE, a quen reclamou que cumpra coa lexislación.
A asemblea xeral tamén valorou positivamente a reacción social aos ataques á toponomia e manifestou o seu apoio ás persoas acusadas por supostamente teren corrixido letreiros contrarios á lexislación que ampara a única denominación xenuína dos nosos lugares, a galega.
Dentro do plan de actividades, a Mesa acordou reclamar o cumprimento dos obxectivos e das máis de 400 medidas contempladas no Plan Xeral de Normalización Lingüística e a avaliación posterior destas accións. “Non é posíbel que existan receitas para mellorar a situación do galego aprobadas unanimemente e que non se apliquen”, afirma o presidente da entidade, Marcos Maceira. Neste sentido, a Mesa soliciou unha reunión co Conselleiro responsábel de lingua após o seu nomeamento, da que está agardando resposta.
Finalmente, o máximo órgano de goberno da Mesa animou a encher as rúas de Compostela o 17 de maio na manifestación convocada pola plataforma Queremos Galego co lema Galego vivo, Galiza viva. “Só facendo visíbel o apoio da sociedade galega á súa lingua poderemos conseguir os avances que precisa”, recordan.