A Axencia Tributaria volta a vulnerar os dereitos lingüísticos

Na campaña da declaración da renda de 2017, A Mesa pola Normalización Lingüística denuncia como, un ano máis, a Axencia Tributaria obstaculiza o dereito da cidadanía a facer a declaración da renda en galego. Non ofrece o servizo telefónico de información da campaña da renda en galego. Mesmo nalgunhas ocasións ao entrar na páxina da Axencia Tributaria despois de escoller o galego como lingua para navegar na páxina e escoller a lingua galega para facer a renda fai a presentación en castelán.

A Axencia Tributaria é unha das administracións que máis negan a posibilidade de uso do galego ás persoas contribuíntes que queren usar a súa lingua. Por exemplo,  ao chamarmos á Axencia Tributaria ao 912 901 340 para solicitar cita previa e dar de alta no sistema Cl@ve é imposíbel sermos atendidas/os en galego.

Facenda non respecta os dereitos lingüísticos das persoas galegofalantes de usar a súa lingua.  Estes dereitos están recoñecidos expresamente pola lexislación vixente.

O Real decreto lexislativo 5/2015, de 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do estatuto básico do empregado público di no artigo 54, de principios de conduta, que os traballadores/as da administración española: “garantirán a atención ao cidadán na lingua que solicite sempre que sexa oficial no territorio”. Tamén a Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias estabelece no artigo 10 que  nas circunscricións das autoridades administrativas do estado nas que reside un número de falantes de linguas rexionais ou minoritarias comprométense a procurar que as autoridades administrativas utilicen as linguas rexionais ou minoritarias e a procurar que os seus axentes que están en contacto co público empreguen as linguas rexionais ou minoritarias nas súas relacións coas persoas que se dirixen a elas nestas linguas.

É alarmante que o funcionariado se sorprenda cando se solicita a atención en galego pois isto é unha mostra de que non é coñecedor das súas obrigas legais, establecidas no Estatuto do empregado público. Tamén é alarmante que unha administración tan importante como a tributaria vulnere sistematicamente o dereito da comunidade lingüística galega. A Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, recolle no artigo 13 que os cidadáns teñen dereito a “usar as linguas oficiais no territorio da súa comunidade autónoma” e non é tolerábel que un servizo de chamadas que atende a todo o Estado, incluída Galiza, non estea dispoñíbel en galego.

Desde a Mesa pola Normalización Lingüística solicitámoslle á Axencia Tributaria que ten que garantir os dereitos lingüísticos das persoas galegofalantes e que o uso do galego non ten que supor unha mala atención nin máis tempo.

Polo mesmo motivo Facenda chegou a multar a Mesa pola Normalización Lingüística por entender que reclamar as notificacións en galego era “obstruír” un procedemento. A sanción foi recorrida pola Mesa no tribunal económico- administrativo que lle deu a razón á entidade en defensa da lingua.

A Mesa pola Normalización Lingüística cualifica de lamentábel esta situación que segundo o seu presidente, Marcos Maceira, “demostra que a Axencia Tributaria non ten ningún interese nin en cumprir a legalidade nin en dar a mínima opción a usar a lingua propia en trámites que ademais son absolutamente obrigatorios”. A Mesa insta á Axencia Tributaria a explicar por que é incapaz de manter a legalidade e as obrigas máis elementais de atención e respecto por un dereito básico como é o de uso do galego.

Desde a entidade a favor do galego lembran que a administración tamén ten obrigas con respecto ás cidadás e cidadáns e que non pode desprezar continuamente quen só exerce os seus dereitos.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra