A choiva non impide que miles de persoas pidan en Compostela “un galego vivo, para unha galiza viva”

 A plataforma cidadá Queremos Galego, composta por 600 entidades sociais e culturais do país, reivindica “a nosa lingua e a nosa existencia como pobo que quere para si o mesmo que para todos os pobos do mundo: dignidade, igualdade, liberdade e paz”

A choiva non impediu que miles de persoas de toda Galicia viaxaran hoxe ata Compostela para manifestar que a sociedade galega quere “un galego vivo, para unha galiza via”. A plataforma cidadá Queremos Galego, composta por 600 entidades sociais e culturais do país, reinvidica “a nosa lingua e a nosa existencia como pobo que quere para si o mesmo que para todos os pobos do mundo: dignidade, igualdade, liberdade e paz”. 

O voceiro da plataforma, Marcos Maceira, salientou no seu discurso que “os pobos que aspiran a níveis altos de desenvolvemento social mantéñense e apóianse na normalidade da súa lingua para todos os usos e en todos os espazos, como necesidade que indica a fortaleza, autoestima e confianza en si propios”. Maceira recordou, tamén, que “como tantas veces Luísa Villalta”, a sociedade galega que onte se manifestou polas rúas de Compostela “non fica impasíbel perante o xenocidio ao que está a ser sometido o pobo de Palestina”. “A loita por Galiza e polo galego tamén é a solidariedade coa loita do pobo Palestino”, afirmou.

O voceiro de Queremos Galego afirmou que o Partido Popular, incluído o actual presidente da Xunta, “promoveu nos últimos quince anos a maior regresión e difusión de prexuízos sobre o idioma de Galiza da historia autonómica, desprezando o mandato legal de promovelo”. Maceira considera “unha burla” que o goberno da Xunta propoña novos acordos, “sen cumpriren co xa pactado hai 20 anos” e considera “unha vergoña” que “un mes despois de ser nomeado o  Conselleiro de Cultura e Lingua nin sequera se atreva a atender a solicitude de encontro que lle fixo a Mesa pola Normalización Lingüística, a principal entidade cidadá de defensa da lingua”.

Mónica Fernández Valencia, Coordinadora de Traballadores/as pola Normalización da Lingua, recordou o 20 aniversario da aprobación por unanimidade parlamentar do Plan Xeral de Normalización da lingua galega, elaborado coa participación de máis de 1000 persoas de todos os ámbitos, con 400 accións e medidas concretas en cada un deles, non só non se desenvolveu senón que se produciron importantes retrocesos.

Xerardo Roca, da  Asociación Socio-Pedagóxica Galega, defendeu que “para unha Galiza viva, activa e  consciente das súas capacidades, precisamos dun goberno realmente comprometido coa súa obriga de promover o uso, presenza e disposición do idioma, cun galego vivo”.

Alba Quiroga, de Erguer – estudantes da Galiza, reivindicou o ensino en galego, “que garanta a competencia no noso idioma permitindo a incorporación de novos falantes e o coñecemento da nosa realidade fronte ao actual modelo desgaleguizador”.

Mónica García, da Asociación de Actores e Actrices de Galiza, defendeu un audiovisual que, como reclama a Iniciativa Xabarín, “garanta a oferta en versión orixinal ou lexendada e cumprimento dos mínimos que estabelece a lei para menores de 12 anos”.

Paulo Carril, da Confederación Intersindical Galega, pediu un galego vivo na administración, nos servizos públicos, na sanidade, na xustiza, nas relacións e información comercial, “onde a atención inicial en galego que indicaba o PXNLG debe ser garantida incluíndo a disposición da lingua nas xestións telefónicas, telemáticas ou presenciais”.

André Laxe, de Galiza Cultura, recordou que o galego está vivo “na pegada da lingua sobre o territorio en todos os seus espazos e lugares, a que de novo pretenden borrar e perseguir coa permisividade dos gobernos central e autonómico”.

Celia Armas, da Mesa pola Normalización Lingüística, asegurou que para avanzar na normalización do noso idioma precisamos da acción dos poderes públicos, da acción política. “Só unha activa e real política lingüística favorábel ao galego e que acompañe á sociedade que xa actúa será posíbel reverter a tendencia negativa e a emerxencia lingüística”, recordou.

E Cesáreo Sánchez Iglesias, da Asociación de Escritores/as en Lingua Galega, concluiu: “é hora dos gobernos asumiren a súa responsabilidade legal e moral co idioma, a comezar pola Xunta de Galiza, e acompañar á sociedade que actúa e se mobiliza  día a día para termos o galego vivo, Galiza viva”.

Marcos Maceira recordou que o galego e Galiza viven, “grazas ás cada vez máis persoas e colectivos que non nos resignamos e actuamos para enfrontar a emerxencia lingüística facendo o que a Xunta non fai: repolo e normalizalo”. “Elas e eles son exemplo da dignidade que terían que estar a imitar os poderes e representantes públicos”, afirmou. “Aí está o grande pacto nacional sobre a lingua, e non imos baixar os brazos nen agochar a lingua até conseguir todas as garantías para poder vivir en galego”, rematou.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra