Colectivos docentes, movementos de renovación pedagóxica, ANPAS e a Mesa pola Normalización Lingüística insisten en que o Goberno galego ten que sentarse a dialogar “para cumprir coas demandas do Consello de Europa, da ONU, da sociedade galega e da propia comunidade educativa”
Solicitaronlle ao Conselleiro de Educación que se reunise con representantes destas organizacións, para poder presentarlle a proposta, pero non obtiveron ningunha resposta. “A única resposta á nosa solicitude de diálogo foron as declaracións do Conselleiro e do Presidente baseadas na mentira e na manipulación contra o recoñecemento mínimo á existencia dunha realidade plurllingüe no Estado”, denunciou esta mañá o presidente da Mesa, Marcos Maceira. “Respecto ao Decreto”, engadiu, “aínda se atreveron a sinalar este domingo que non é o mellor mais si o máis consensuado. A nosa presenza aquí demostra a falsidade”.
As entidades que elaboraron esta proposta representan a maioría do profesorado, Anpas e movementos de renovación pedagóxica e denuncian que ante a súa oferta de diálogo non recibiron da Xunta máis que silencio. Insisten ten que o Goberno galego ten que sentarse a dialogar con eles para cumprir coas demandas do Consello de Europa, da ONU, da sociedade galega e da propia comunidade educativa. “Pensa a Xunta atender as indicación do Consello de Europa que leva sinalando o mesmo 10 anos e en cada resolución con máis intensidade?”, preguntábase Maceira esta mañá. “Pensa facer algo en relación ao informe da ONU no mesmo sentido?”, engadía, “Pensa a Xunta cumprir coa súa obriga de garantir o coñecemento de galego que todos os estudos sinalan que non se consegue?”. “A única lingua oficial cuxo coñecemento non se garante ao rematar cada unha das etapas educativas é a galega”, recorda.
“No confinamento agraváronse as dificuldades de uso do galego por dúas vías: a escaseza de materiais didácticos e o dominio de TVE nas aulas televisadas baseadas no curriculum”, recordou Maceira esta mañá, “onde estivo o presidente da Xunta entón?”. “Feixoo non está posto polas galegas e galegos para renegar da condición de galego e de presidente da Xunta á mínima oportunidade”, criticou, “senón para asumir a súa responsabilidade”.