“Neste momento”, afirmou Maceira, “segundo o regulamento do Parlamento, deberiamos de estar comparecendo na Comisión de educación para explicar a que despois de 11 anos do mal chamado decreto de plurilingüismo, é a única proposta para a lingua galega no ensino. Porén, nosa presenza foi vetada pola presidenta da Comisión”. A proposta foi debatida e acordada por unha parte moi maioritaria da representación do profesorado, polos movementos de renovación pedagóxica e polas asociacións de nais e pais, ademais da Mesa. Foi resultado dun proceso de debate aberto, plural e sen exclusións, entre entidades diversas, con ideoloxías e posicionamentos diferentes mais sempre baseado exclusivamente no interese en garantir que o alumnado rematase todas as etapas con total competencia nas linguas cooficiais tal e como estabelece a lexislación.
“O resultado foi un documento que xa conta con moito máis apoio social do que o Decreto 79/2010″, asegurou Maceira, e” que ademais cumpre con todas as recomendacións do Comité de Ministros do Consello de Europa e que se axusta ao marco legal derivado da Lei educativa e da xurisprudencia”. “Esta proposta pode ser mellorada mais é a única que hai que cumpre con todos estes requisitos”, explicou, “é deber do Parlamento galego facer o que xa que fixemos as organizacións sindicais, de renovación pedagóxica, de normalización da lingua e de nais e pais: sentarse, falar e acordar. Tan dificil será facelo para o Partido Popular? O veto é a única resposta á única proposta para o galego no ensino?”.
Finalmente, o presidente da Mesa recordou que “o ensino debe contribuir a corrixir os problemas que hai na sociedade” e “Cando 1 de cada 4 menores de 15 anos asegura non saber falar galego temos un problema de emerxencia lingüística no que as institucións galegas, Xunta e Parlamento, deben actuar”. “Da nosa banda, presentamos unha proposta de bases para o diálogo, para sentármonos, falarmos e acordarmos futuro e esperanza para o galego e para a cohesión da sociedade galega”, concluiu, “se o goberno galego quere facelo e traballar a favor do galego só ten que que levantar o veto”.