Porén, a asociación advirte que “estará vixiante” en todo o momento para que non se produzan retrocesos na presenza efectiva da lingua galega na institución municipal e “actuará” en canto for preciso facelo
Logo da denuncia feita pública pola Mesa, o Concello da Coruña retirou momentaneamente da súa páxina web oficial o uso do topónimo deturpado *La Coruña, que aparecera a pasada semana na primeira noticia subida ao portal municipal após a toma de posesión de Carlos Negreira como novo alcalde da cidade.
A Mesa felicítase pola rectificación inicial do goberno municipal coruñés, se ben advirte que permanecerá vixiante para que en todo o momento a institución cumpra coa Lei de Normalización Lingüística e empregue como única forma a do topónimo oficial e lexítimo da cidade.
A asociación mantén a súa intención de se entrevistar co novo rexedor para asegurar que, malia o preocupante discurso que manexou durante a campaña electoral, non se producirán retrocesos e o proceso de normalización do galego iniciado nos últimos catro anos no Concello continuará adiante. De non ser así, A Mesa advirte que pelexará con todos os instrumentos ao seu alcance para que non haxa novas viaxes ao pasado.