A crise do galego podería reverterse se a Xunta acompañase a mobilización social

A Mesa analizou esta mañá en rolda de prensa os datos da enquisa sobre o uso do lingua publicada polo IGE o pasado vernres, que visibilizan as dramáticas  consecuencias da aplicación do Decreto do plurilingüismo no ensino

Marcos Maceira, presidente da entidade, defende que o aumento da xente que escribe habitualmente en galego reflicte un aumento da vontade social e da práctica reparadora por parte da poboación máis consciente.

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2019.- A Mesa pola Normalización Lingüística analizou esta mañá en rolda de prensa os resultados da enquisa sobre Uso habitual e inicial do galego feitos públicos o pasado venres polo IGE. Sara Seco, técnica do observatorio de dereitos lingüísticos, e mais Marcos Maceira, presidente da entidade, afirmaron que “a lingua galega está en crise” e que “se non fora pola mobilización social, estariamos nunha situación de desastre lingüístico”. “A situación de crise que vive o galego”, matizan, “podería reverterse se a Xunta acompañase a vontade social de reparación lingüística que amosan os datos da enquisa”.

Os datos feitos públicos polo IGE confirman a perda continuada de falantes, especialmente no ámbito urbano, e mais unha fonda diglosia nas relacións sociais. “O ámbito familiar é no que máis se usa a lingua galega” explicou Maceira, “e descende un 15% fóra do fogar”. Os datos reflicten unha importante fenda entre o número de persoas que empregan só o galego na súa esfera privada (34,12%) e aquelas que o fan en servizos docentes (23,48%), sanitarios (27,88%), administrativos (29,30), bancarios (28,72%) ou comerciais (30,27%). “Unha situación favorecida”, denuncia o presidente da Mesa, “pola sistemática vulneración de dereitos lingüísticos e pola exclusión do idioma de Galiza de grande parte dos ámbitos de uso e pola imposibilidade de devolución, oral ou escrita”.

O 24% das e dos menores de 15 anos non saben galego
“Esta nova enquisa do IGE proporciona un novo dato aterrador sobre as consecuencias do mal chamado decreto de plurilingüismo”, recorda Maceira. No tramo de idade no que se aplica o decreto, entre 5 e 15 anos, o 30,04% recoñecen non saber escribir galego, o 18,32% non saber lelo e o 23,9 % non saber falalo, o que supón un incremento do 8,42%, do 4,06%, e do 7,6% (respectivamente) sobre os datos recollidos no 2008, ano da última enquisa anterior á entrada en vigor do decreto contra o galego. “Por primeira vez na Historia”, afirma Maceira, “un estudo indica que un de cada catro estudantes de primaria e secundaria en Galiza non sabe falar galego”. Dende A Mesa, advírtese de que a única maneira de reverter esta situación é garantindo o galego como a lingua vehicular de todos os tramos educativos, posibilidade anulada polo Decreto do Plurilingüismo, con consecuencias terríbeis para o alumnado galego.

Pódese reverter a situación: a escrita en galego como práctica reparadora

A enquisa amosa a vontade dunha importante parte da poboación galega por manter o uso da súa lingua a pesar dos impedimentos. A Mesa destaca, especificamente, o aumento das persoas que escriben en galego como un acto consciente que nalgúns ámbitos pode ter consecuencias, recordando a polémica pola discriminación das linguas minorizadas do Estado nos Premios Arquímedes ou as dificultades para comunicarse por escrito coa Administración do Estado. “Escribir en galego a pesar das limitacións”, asegurou o presidente da Mesa, “é unha acción de reposición e rehabilitación da lingua, indicativa da conciencia da necesidade e da práctica reparadora”.
Existe unha enorme vontade social de manter a lingua, que non se ve correspondida pola presenza real nin conta co amparo do goberno galego. “O único amparo ás e aos galegofalantes”, asegura Marcos Maceira, “provén da propia sociedade, de centos de entidades sociais, entre elas da Mesa pola Normalización Lingüística, que ofrece o único servizo de atención a queixas, consultas e parabéns relacionadas co uso do galego, A Liña do Galego.” “O mantemento e crecemento desta conciencia e da mobilización social ampla a favor do galego é a garantía de futuro para a lingua”, recorda.
Como principal entidade de defensa do galego, con arredor de 4000 socias e socios, A Mesa pola Normalización Lingüística actuará, na medida das súas posibilidades, para mudar a situación de crise que vive a nosa lingua cunha campaña informativa por todo o país, especialmente no 10º aniversario do decreto con Queremos galego, e mais sumando esforzos dentro e fóra do Estado español na defensa dos dereitos das persoas falantes de linguas minorizadas. Neste sentido, a entidade anuncia que a quinta feira (xoves) 3 de outubro participará nunha xuntanza con entidades do resto do Estado na que se avaliarán posibles accións conxuntas de cara ás proximas eleccións. E, no día a día, continuarán as accións normalizadoras a través da Liña do galego, Abertos ao galego, Correlingua ou Queremos Galego. A principal entidade de defensa do galego só recebe un 20% de axuda pública e, polo tanto, depende das socias e socios para o seu funcionamento habitual.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra