A empresa de tradución Eureco Galicia incorpórase a Abertos ao Galego

Desde Milladoiro (Ames) traballan cunha grande rede de colaboradores para ofertar servizos de tradución de máxima calidade

Rocío Ignacio, tradutora xurada de alemán, é a xerente de Eureco Galicia Tradutores, e hai uns días estivemos visitándoa nas instalacións da empresa no Milladoiro. Explicounos que traballan traducindo a castelán (sobre todo) e galego desde todas as linguas, e viceversa. A empresa conta cunha ampla rede de colaboradores, profesionais nativos que seleccionan coidadosamente para cada proxecto tendo en conta o seu campo de especialización (automoción, económico-financeiro, tecnoloxías da información, industria, xurídico, médico-farmacéutico e enerxías renovables).

 

A súa carta de servizos inclúe traducións de textos moi diversos: desde sinxelas cartas comerciais a proxectos máis complexos de xestión multilingüe, como a tradución de manuais técnicos ou páxinas web a varios idiomas. A súa especialidade é a tradución xurada (oficial) de todo tipo de documentos: contratos, estatutos, escrituras notariais, diplomas ou certificados de estudos, etc. Ademais, tamén ofertan servizos de revisión e corrección de textos.

 

As súas principais linguas de traballo son o alemán, portugués, inglés, francés, italiano, catalán e éuscaro, aínda que tamén poden asumir proxectos noutras linguas.

 

O valor engadido de Eureco Galicia é o seu rigoroso control de calidade, que pode dividirse en tres fases. A primeira corresponde á pretradución: análise do documento orixinal e da documentación de que dispoñan. A segunda é a tradución propiamente dita (se é preciso, con axuda de programas especiais e glosarios personalizados para cada cliente). A terceira consiste na edición e revisión a todos os niveis, en particular a terminoloxía, insistindo especialmente na adaptación do texto á lingua e país de destino.

 

En relación co galego, Eureco Galicia é unha empresa comprometida co seu uso, xa que as persoas que compoñen a empresa teñen o galego como lingua habitual. As características do seu traballo fan que habitualmente traballen con moitas linguas diferentes, mais a súa comunicación interna faise exclusivamente en galego.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra