A Esmorga leva esta fin de semana o galego aos cines das vilas e cidades de todo o país

Será a primeira vez que unha película galega se exhiba conxuntamente en todas as salas de cine de Galiza

A Mesa anima a acudir á estrea comercial do filme esta fin de semana e salienta a importancia de que o público amose o seu apoio ao cine galego e en galego nas salas comerciais para que este tipo de estreas deixen de ser noticia

Esta fin de semana do 21 de novembro é unha data que todas e todos debemos marcar nas nosas axendas. Ignacio Vilar, director de Pradolongo e de Vilamor está a piques de estrear o seu novo e agardado filme, unha adaptación cinematográfica do clásico de Eduardo Blanco Amor que promete ser o acontecemento deste outono. Protagonizada polos actores galegos Miguel de Lira e Antonio Durán “Morris” e mais o vasco Karra Elejalde, A Esmorga defínese como a “crónica tensa e intensa de vinte e catro horas na vida de tres homes, compañeiros de esmorga que, deixando un regueiro de destrución, de sexo equívoco e reprimido, van fechando portas tras si e guindando coas chaves, como para non querer volver, tal coma se adrede camiñaran á súa perdición.” Xa está en funcionamento o sitio web do filme, www.aesmorgafilme.com, onde se pode consultar toda a información relacionada coa película. 

 

A cidade das Burgas, onde se ambienta a historia, acolleu con grande éxito o pasado sábado a agardada presentación mundial do filme no marco da apertura da XIX edición do Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF). Mais será o día 21 de novembro cando se estree comercialmente nas salas de cine de todo o país. Rodada en galego, A Esmorga estrearase na nosa lingua con 50 copias distribuídas polos cines das cidades e vilas de toda Galiza (25 en formato cine e outras 25 copias en blu-ray). Será a primeira vez que unha película galega se exhiba conxuntamente en todas as salas de cine de Galiza, polo que é a nosa responsabilidade como espectadoras e espectadores facer deste acontecemento un éxito.

 

É moi importante que o público amosemos o noso apoio ao cine galego e en galego nas salas comerciais para que este tipo de estreas deixen de ser noticia e se convirtan en algo habitual, para lles demostrarmos ás produtoras, distribuidoras e demais compañías do sector que realmente demandamos ver filmes na nosa lingua nas salas galegas. O día 21 temos a mellor oportunidade de o facer acudindo ao cine. Que ninguén chegue tarde!

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra