A Garda Civil négalle atención a un cidadán por falar galego

Malia as desculpas, os feitos non terán consecuencias para os axentes que incumpriron a lei

Marcos Maceira: “As desculpas retóricas non solucionan o problema: o Estado ampara un descoñecemento que vulnera o dereito fundamental a sermos atendidos na nosa lingua ”


Santiago de Compostela, 9-09-2015. A Mesa pola Normalización Lingüística vén de facer pública a resposta da Garda Civil á denuncia dun caso de discriminación lingüística no cuartel de Gondomar denunciado este mes de agosto.

Segundo as queixas recibidas pola Mesa a través da Liña do Galego, un funcionario do cuartel da Garda Civil de Gondomar negouse a atender a chamada dun cidadán porque este se expresaba en galego. Este cidadán chamou por teléfono ao cuartel da Garda Civil de Gondomar para expor un problema. Ao comezar a relatar o seu caso, a persoa que atendía o teléfono pediulle que “non lle falase en galego, que lle falase en español”. O cidadán negouse a mudar de lingua, e dado que o axente non lle permitiu resolver o seu caso por teléfono, o cidadán presentouse no cuartel da Garda Civil de Gondomar onde tanto o comandante como a persoa que o atendera por teléfono dixéronlle que tiña que falar en español, e pedíronlle que non lles falase en galego. Ante as queixas do cidadán insistiron en que non teñen que saber galego e que non o atendían se non falaba español. Este insistiu en que quería pór unha denuncia ao que os axentes contestaron que se non falaba en español non o ían atender e indicáronlle que fose ao posto da Policía Local de Gondomar a ver se alí podía falar en galego.

Ao se ver discriminado polo simple feito de falar en galego, o cidadán presentou un escrito no cuartel da Garda Civil e púxose en contacto coa Mesa pola Normalización Lingüística, quen tramitou as pertinentes queixas perante a Valedora do Pobo e a Secretaría Xeral de Política Lingüística denunciando estes feitos.

En resposta á queixa deste cidadán, desde a comandancia provincial xustificaron a incompetencia lingüística do axente na súa orixe foránea, porén desculpáronse polo sucedido recoñecendo os dereitos vulnerados do cidadán e a obriga de todos os axentes a respectar a lingua de Galiza:

“Non obstante, como responsable da Garda Civil na provincia da Pontevedra é o meu deber desculparme polo sucedido, xa que Vostede ten o dereito de usa-la lingua oficial desta Comunidade Autónoma e os axentes teñen a obriga de realiza-las xestións necesarias para poder atendelo.”, sinala o tenente coronel na súa resposta.

Porén, malia se recoñecer a discriminación e vulneración de dereitos do cidadán, o caso non terá ningún tipo de consecuencia para os axentes implicados.

Segundo o presidente da Mesa, Marcos Maceira, malia ser positivo que a garda civil pida desculpas e recoñeza formalmente os dereitos dos galegos a usarmos o noso idioma, non é de recibo que este tipo de discriminacións fiquen impunes
“Agredir dereitos fundamentais da cidadanía non debería saír de balde, e menos se a agresión provén das forzas de seguridade” sinalou o presidente da entidade en defensa da lingua. “O Estado debe tomar medidas a comezar por deixar de amparar o descoñecemento da lingua propia, que como se comproba en casos coma este, só serve para vulnerar dereitos fundamentais da cidadanía”.

Da Mesa pola Normalización sinalan que dar a coñecer casos coma este é fundamental para modificar a situación malia que son centos os que permanecen ocultos ante a presión que exerce a soposta autoridade do uniforme. A entidade en defensa do galego lembra á cidadanía que todas as vulneracións de dereitos lingüísticos poden ser denunciadas a través da Liña do galego, servizo ofrecido pola Mesa, co que se pode contactar a través do 981 56 38 85 ou do enderezo electrónico linhadogalego@amesa.gal

resposta garda civil

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra