O presidente da Mesa, Marcos Maceira, instou ao Parlamento europeo a que o informe sobre a aplicación da Directiva do audiovisual asegure igualdade de condicións para o galego e outras linguas nas cotas de pantalla, financiamento anticipado, dobraxe, lexendaxe, interfaces, webs e audiodescricións, tal e como reclamaba a Iniciativa Xabarín
Estrasburgo, 20 de abril de 2023.- Unha delegación composta por Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, e Xosé Lois Ledo, da Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI), defendeu esta mañá no Parlamento europeo a igualdade para o galego no audiovisual tal e como propuña a Iniciativa Xabarín aprobada unanimemente no Parlamento de Galiza e a maioría de concellos galegos. Esta comparecencia produciuse no Intergrupo de linguas, do que forman parte deputados de todos os grupos da eurocámara, no marco da elaboración do informe parlamentar sobre a Directiva europea do audiovisual que clarificará os termos no que os Estados a deben aplicar. A delegación foi presentada pola deputada do BNG Ana Miranda.
O Grupo de Estudos audiovisuais da USC interveu, tamén, a través dunha vídeo conferencia representado pola investigadora e docente Mª Soliña Barreiro, na presentación das emendas presentadas pola Iniciativa galega polo audiovisual (composta pola Mesa, AGAPI, AAAG, AGPTI, Crea, Asoc Guionistas e o propio GEA) ao informe sobre a aplicación da directiva europea de comunicación audiovisual que debate o parlamento europeo.
Neste sentido, o presidente da Mesa, Marcos Maceira, advertiu ao Parlamento europeo que a lei española non toma en conta o contemplado no artigo 12 da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minorizadas, nin a Directiva europea respecto á pluralidade lingüística ou ao estabelecemento de regras rigorosas que a garantan. “O audiovisual non pode ser un espazo máis de exclusión do galego”, reclamou Maceira. “Tanto por influencia como por presenza, cada vez máis intensa e relevante”, advertiu, “o audiovisual debería ser un ámbito de actuación estratéxico de calquera política que procure realmente a normalización dun idioma”. “O mesmo tratamento que se lle dá ao español para contar con contidos audiovisuais débeselle dar á lingua propia de Galiza”, concluiu.
Maceira informou aos parlamentarios europeos de que o Estado español non está a garantir a presenza do galego en igualdade de condicións co español nas cotas de pantalla, financiamento anticipado, dobraxe, lexendaxe, interfaces, webs e audiodescricións. “Se a directiva europea sinala que os Estados membros deben asegurar que as plataformas audiovisuais baixo do seu territorio ofrezan á cidadanía, polo menos, un 30% de obras europeas nos seus catálogos, incluíndo aquelas que teñen sede fóra do propio Estado”, explicou o presidente da Mesa, “a nova Lei española limita a presenza das linguas oficiais minorizadas ao servizo público de comunicación audiovisual (TVE) e ás plataformas de ámbito estatal. “Ademais de contravir o sinalado expresamente na Directiva”, engadiu, “permítense non cumprir cos mínimos comezando por TVE, que debería dar exemplo, mais nin dobra a galego nin dispón de contidos en galego para a infancia e mocidade”. “Todas estas cuestións deben ser aclaradas na directiva europea para promover verdadeiramente a pluralidade lingüística”, rematou.
O vicepresidente da Asociación Galega de Produtoras Independentes, Xosé Luis Ledo, recordou que a definición de “produtora independente” que recolle a nova lei estatal debe ser clarificada na directiva europea de servizos de comunicación audiovisual. “Para que exista un financiamento axeitado para o cinema independente”, rematou, “o único que garante produción en galego”.
A Liña do Galego é un servizo gratuíto ofrecido pola Mesa pola Normalización Lingüística dirixido a toda a poboación que tramita queixas cara ás institucións, empresas, etc, que vulneran os dereitos lingüísticos; así como parabéns para quen dea pasos cara a garantía do dereito a vivir en galego. Este servizo conta coa colaboración da Deputación da Coruña.