A Marcha Mundial das Mulleres e A Mesa denuncian discriminación do uso da lingua galega na denuncia pola desprotección de Isabel Fuentes

Este mércores 4 de novembro tivo lugar en Ourense unha rolda de prensa na que participaron a Coordenadora Local de Ourense da Marcha Mundial das Mulleres, A Mesa pola Normalización Lingüística, Carme Adán deputada do BNG no Parlamento Galego, Carmen Iglesias deputada do Grupo Mixto e Victoria Diéguez avogada.

Nesta rolda de prensa denunciamos desde a Marcha Mundial das Mulleres e A Mesa pola Normalización Lingüística que recibimos unha resposta do Ministerio de Xustiza para colocar o texto en castelán obviando a cuestión de fondo da nosa reclamación. Lucía Cedrón integrante da coordenadora local sinalou que “é evidente que para o sistema as mulleres non valemos nada cando nós denunciamos un asasinato e eles responden falando da lingua na que se realiza o escrito” por iso denunciamos con esta convocatoria o nulo valor que se dá ás mulleres e a discriminación que sufrimos como galegas por non poder realizar esta denuncia de desprotección de Isabel Fuentes na nosa propia lingua, obrigándonos a entregala noutra lingua e retrasando o proceso de investigación das causas que levaron a que non se protexera a Isabel Fuentes malia existir unha petición expresa por parte da Guardia Civil alertando polas sospeitas sobre o seu marido.

Mónica Pazos da Mesa pola Normalización lembrou o compromiso do Estado Español coa Carta Europea dos dereitos das linguas e que tanto a Constitución Española, como a Lei de Normalización Lingüística como o Estatuto de Autonomía amparan o uso da nosa lingua cando as reclamacións se presentan no noso territorio indicando que “máis se falamos dun caso deste tipo dunha gravidade tal o que as institucións deben facer é ser sensíbeis e facilitar a labor non entorpecer como neste caso”, “que sexa legal non significa que sexa xusto” engadiu dándolle paso ás deputadas que falaron das accións que se levarán adiante no Parlamento das próximas semanas.

Como anunciaron Carme Adán e Carmen Iglesias BNG e Grupo Mixto realizarán nos próximos días levarán ao Parlamento a devolución desta denuncia reclamando que o goberno galega poña todo o seu interese en facilitar que se siga o proceso da reclamación evitando máis retrasos o atrancos como a recente devolución do texto. Ambas deputadas manifestaron o seu apoio ao traballo de denuncia da desproteción de Isabel Fuentes levada a cabo pola Marcha Mundial das Mulleres e denunciaron “o feminicidio permanente no que vivimos” en palabras de Carme Adán, e “que non se dea valor á vida das mulleres” en palabras de Carmen Iglesias.

Resposta Ministerio de Xustiza

Pese aos atrancos postos polo Ministerio de Xustiza para o procedemento de denuncia dende a coordenadora da Marcha Mundial das Mulleres explicouse que continuaremos adiante coa reclamación mesmo que teñamos que redixila noutra lingua e continuaremos a denunciar que no caso de Isabel Fuentes houbo desproteción e que isto non pode volver a suceder. Victoria Diéguez, avogada, fixo unha análise da recente resposta recibida pola familia co arquivo da causa de investigación do procedemento desenvolto pola xuíza lembrando que non cabo nunha denuncia de violencia machista reclamar testemuñas exteriores ou episodios anteriores e que isto é “unha mostra do descoñecemento do que é a violencia machista por parque de quen realiza os procedementos” que non se pode tolerar e que esta a xerar numerosos casos nos que non se colocan medidas contra os agresores e son as mulleres as que fican cos movementos reducidos para evitar sufrir máis violencias.

A coordenadora local da Marcha Mundial das Mulleres volverá a rexistrar a reclamación nos próximos días para que continúe o procedemento e reclamar das institucións o esclarecemento do que fallou para que ante un caso de agresión no que a Garda Civil advirte dunha posíbel nova agresión esto non se teña en conta e non se protexa á agredida.

Por Isabel Fuentes, por todas.

http://feminismo.info/feminicidio

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra