A Mesa apoia as mobilizacións do Comité de Empresa de Teleperformance A Coruña contra a deslocalización do servizo de atención á clientela e inclúe esta reivindicación entre as que se levarán á manifestación do 17 de maio.
Susana Méndez, vicepresidenta da Mesa: “Animamos a cidadanía a presentar queixas nas oficinas de Consumo se a compañía lles nega a atención en galego”.
O Comité de Empresa de Teleperformance A Coruña denunciou esta semana a intención da empresa Gas Natural Fenosa de eliminar a atención á clientela da comercializadora Unión Fenosa Comercial desde o vindeiro 1 de xuño, deslocalizando o servizo que até este momento prestaba a empresa Teleperformance desde A Coruña. Segundo o Comité de Empresa, esta decisión non só causará o despedimento de 105 persoas na comarca coruñesa, senón que imposibilitará que a clientela de Galiza poida ser atendida en galego.
A Mesa pola Normalización Lingüística amosa a súa preocupación ante estes feitos e transmite o seu apoio ás mobilizacións convocadas polo comité de empresa de Teleperformance en defensa do mantemento do servizo de atención á clientela na Coruña.
Segundo a vicepresidenta da Mesa, Susana Méndez, prescindir da atención en galego, “ademais de ofrecer unha imaxe moi negativa de Gas Natural Fenosa, suporía unha vulneración dos dereitos lingüísticos que a lexislación lle recoñece á cidadanía galega”.
Neste sentido, a maior asociación cultural de Galiza advertiu a Gas Natural Fenosa que “denunciará e animará á sociedade a denunciar” ante as oficinas de Consumo calquera obstáculo á atención en galego por parte da compañía.
A Mesa lembrou que a Lei 1/2010, de 11 de febreiro, relativa aos servizos no mercado interior, recolle na súa disposición adicional sexta que “os prestadores de servizos que operen en territorio da Comunidade Autónoma de Galiza, deberán respectar o marco legal vixente en materia lingüística, especialmente a partir da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, consonte o disposto na alínea 4 do artigo 1 da Directiva 2006/123/CE, do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior”. Así mesmo recoñece que “para estes efectos, favorecerán a normalización progresiva do uso do galego na prestación dos seus servizos e deberanlles ofrecer aos seus destinatarios a posibilidade de manteren a comunicación oral e escrita en lingua galega”.
Do mesmo xeito, a Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias, ratificada polo Estado español, sinala nos parágrafos 3 e 4 do seu artigo 10 que se debe garantir o uso do galego nos servizos públicos, entre os cales se sitúan os diferentes servizos de provisión de enerxía como a electricidade e o gas, tanto se están proporcionados polas autoridades administrativas como por outras persoas físicas ou xurídicas.
Desde A Mesa animaron a calquera usuario dunha compañía de gas, auga ou electricidade ao que se lle negue atención oral ou escrita en galego a presentar unha reclamación. Pódese descargar un modelo de escrito nesta ligazón: http://www.amesanl.org/gl/mediateca/dir/mediateca/Act%C3%ADvate!+Defende+os+teus+dereitos
Así mesmo, A Mesa lamenta a pasividade da Xunta de Galiza ante un novo ataque aos dereitos lingüísticos da cidadanía. Susana Méndez salientou que “cada día que Feijoo permanece na presidencia da Xunta é máis difícil poder vivir en galego na Galiza”, polo que animou a toda a sociedade a participar na manifestación que o vindeiro 17 de maio percorrerá as rúas de Santiago de Compostela baixo o lema “Non queremos ser estranxeiras na propia patria! Queremos galego!”