Marcos Maceira, Elsa Quintas e Mónica Pazos participaron onte en Oviedo na xuntanza de avaliación que fai o comité de expertos do Consello de Europa sobre o cumprimento da Carta das linguas no Estado español
Oviedo, 11 de decembro de 2018.- A Mesa pola Normalización Lingüística participou onte pola tarde na sede do Real Instituto de Estudios Asturianos (RIDEA), en Oviedo, nun encontro co comité de expertos do Consello de Europa que avalía o cumprimento da Carta Europea das linguas rexionais e minorizadas por parte das institucións españolas. Marcos Maceira, presidente da Mesa, Elsa Quintas, vicepresidenta da Mesa e directora do Observatorio de Dereitos Lingüísticos, e Mónica Pazos, secretaria xeral da organización, exporanlles aos expertos e expertas europeos a situación do galego, advertindo que tanto o Estado como a Xunta incumpren as súas obrigas en todas as áreas nas que deben garantir a presenza normal da lingua: educación, vida social e económica, xustiza, cultura, medios de comunicación ou relacións transfronteirizas.
A Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias é un tratado internacional promovido polo Consello de Europa para garantir a normalidade das linguas minorizadas que o Estado español ratificou en 2001 no seu grao máximo. Segundo a Carta, o Estado ten que garantir o uso pleno do galego nos territorios onde é oficial ou está protexido polo estatuto en ámbitos como educación, xustiza, administración, relación sociais e económicas, cultura ou relacións transfronteirizas. Isto afecta a Galiza e as zonas de lingua galega de Castela e León.
Tal e como se vén advertindo reiteradamente por parte da Mesa, os expertos europeos xa teñen alertado en varias ocasións sobre as graves deficiencias na aplicación da Carta, nomeadamente no do ensino, o que motivou unha recomendación do propio Consello de Ministros sinalando que a introdución doutra lingua non podía servir de escusa para a eliminación da propia no ensino. Nesta ocasión, o Estado remitiu ao Comité de Expertos un informe que manipula os datos e que mente, co fin de obter unha avaliación positiva. “O Estado mente ao Consello de Europa manipulando os datos oficiais”, advertirá a delegación da Mesa á delegación europea, composta por Fernando Ramallo, Dieter Halwach, René de Groot e Csaba Pákozdi. Ademais de ocultar o contido do mal chamado decreto de plurilingüísmo, cinguíndose a expor os aspectos xa contemplados no anterior, chega a afirmar que “a maior parte dos pais falan galego cos fillos”, que o descenso de galegofalantes “se produce, fundamentalmente, en nacidos antes de 1973” ou que o galego é a lingua máis empregada polo estudantado. Porén, tal e como sinala a Mesa no seu relatorio, recollendo datos do IGE, “en 2014 tiñamos a cifra máis alta de menores de 15 anos que aseguran non seren capaces de falar galego (20%)”. Neste sentido, o relatorio da Mesa emprega estatísticas oficiais, informes da propia Mesa e mais do Consello da Cultura e da RAG, así como informacións recollidas pola prensa que desmenten algunhas graves manipulación do Estado.
Algúns datos do informe
Ensino
– Segundo o último estudo IGE (2014) o 20% do alumnado que remata a ESO non sabe falar galego
– Mantense o decreto de plurilingüísmo a pesar das recomendacións do Comité de Expertos e do Consello de Ministro do Consello de Europa
– A aplicación da LOMCE impide cumprir os máximos para o galego do Decreto contra o galego da Xunta
– O ensino público non garante o ensino en galego como estabelece a Carta.
Xustiza
– Continúa sen haber garantías para o desenvolvemento da xustiza en galego: a xuíces, xuízas e fiscais non se lles require o coñecemento da lingua e a inexsitencia de galego nos programas infomáticos sobrecarga e provaca atrasos ao funcionariado e á cidadnía que opta polo galego.
Servizos públicos
– A administración do Estado e os servizos públicos externalizados encabezan os incumprimentos da Carta.
– A inexistencia de requisito de coñecemento do galego ao funcionariado impide a utilización do galego e fica á escolla do funcionariado.
– Evidénciase a inexistencia de formación de calidade.
– Nos concellos, sentenzas como a do TSXG sobre a ordenanza de uso do galego en Lugo supoñen unha regresión dos dereitos lingüísticos da cidadanía
Medios de comunicación
– Só a TVG garante unha presenza mínima do galego. Porén, é a única emisora pública do Estado que non conta cunha canle específica para a mocidade.
– Os medios en galego son os que menos axuda reciben polo uso do galego.
Servizos culturais
– Caída de publicación de libros en galego.
– Caída do investimento en dobraxe
– Dificultades para a distribución de cinema en galego
Vida económica e social
– Segundo o informe ao respecto elaborado pola Mesa pola Normalización Linguística, non opera neste momento en Galiza ningunha entidade bancaria que permita realizar todos os trámites en galego. No que ten a ver coa banca electrónica só chegan ao 40% as entidades que permiten operacións básicas neste idioma.
– En materia de recursos contractuais, a Xunta de Galiza atribuíu ao Tribunal Central de Recursos Contractuais as súas competencias. Xa que logo, todos os recursos especiais terán que ser redactados en castelán, o que só acontece no caso galego fronte ás outras linguas oficiais no Estado.
Intercambios transfronteirizos
– Os acordos institucionais que facilite ou favoreza os contactos entre Galiza e Portugal continúan a ser anecdóticos
Ligazóns de interese: Informe |