A Mesa agasalla o libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez ás cabezas de lista das candidaturas que participaron no debate da TVG

Carlos Callón, presidente de Honra da Mesa e autor do libro, salienta que “se hai Xunta é porque hai lingua” e Marcos Maceira, presidente da Mesa, recorda que “a futura presidenta ou o futuro presidente de Galiza debe dar exemplo nun bo uso do noso idioma”

Compostela, 3 de xullo de 2020.- A Mesa pola Normalización Lingüística decidiu enviarlles como agasallo ás cabezas de lista das candidaturas que participaron no debate da TVG o libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, publicado en Xerais por Carlos Callón, escritor, profesor e presidente de Honra da asociación, despois da preocupación mostradapola sociedade galega polas melloras claras que necesita o galego que utilizaron as sete cabezas de lista. Como explica Marcos Maceira, presidente da Mesa, “entre esas sete mulleres e homes está quen ocupará a presidencia do Goberno galego na próxima lexislatura” e “o autogoberno de Galiza ten como alicerce a existencia da nosa lingua propia”. “Se hai Xunta é porque hai lingua”, indica Callón.

As críticas ao galego empregado polas candidatas encheron as redes sociais dende o mesmo momento do debate. Mesmo a cantora Sabela, célebre tras o seu paso polo concurso OT, expresou no Twitter: “Eu revisando o meu galego cada día porque teño palabras mal aprendidas. As/os políticos dicindo: ‘se me acusa de protexer‘, que me saía dicir, aiiii se te acusa, bueno luegoooooo :( :( :( O #12xullo eu protexo a cultura”. O autor do manual explica que “cando as persoas expresan o seu desacougo nas redes sociais porque se necesita un mellor galego, non están a pedir unha lingua máis artificial, senón máis viva, máis natural; isto é, que siga os camiños do galego tradicional na fonética, na entoación, na sintaxe, na fraseoloxía, e que sexa máis coidado no vocabulario”. “Non é certo que unha lingua desleixada sexa unha lingua máis auténtica”, resume.

“É máis que comprensíbel que non van poder ler o libro até despois das eleccións, mais poden comezar desde xa a mellorar a lingua co pequeno decálogo que se encontra no manual”, convida Marcos Maceira. O citado decálogo é o seguinte:
1) Lembrarás que ninguén pasou de usar mal unha lingua a usala ben sen antes pasar por un período en que a usa regular.
2) Terás sempre presente que ninguén naceu aprendida/o e que para solventar as dúbidas están os manuais e os dicionarios.
3) Acordaraste de que aprender e coñecer unha lingua é tarefa de toda unha vida.
4) Practicarás e aprenderás coa suor da túa fronte.
5) Soltaraste a falar en galego e tentarás facelo con corrección cando menos nalgúns ámbitos ou espazos do teu día a día.
6) Igual que na vida, aprenderás dos teus erros. Aínda que, igual que na vida, teñas que cometer eses erros varias veces para os corrixires.
7) Desterrarás os castelanismo innecesarios, porque o galego ten os seus propios recursos.
8) Nunca comezarás unha oración cun pronome átono.
9) Para aprenderes a usar o infinitivo persoal, nada mellor que lle dares uso. (E para aprender eu ou ela, aprendermos nós, aprenderdes vós e aprenderen elas e eles, que falta fai!)
10) Cando a normativa do galego ofreza dúas solucións, usa para o estándar aquela que se aproxime máis ao sistema lingüístico a que pertence: o galego-portugués.

Desde A Mesa desexan que o libro “sexa ben acollido e moi usado por estas destinatarias e destinatarios” e queren chamar a atención de forma particular para o punto 4, que ten o seguinte desenvolvemento no manual: “Vivimos nun tempo en que se reduce a importancia do sacrificio e do esforzo, mais estes continúan a ser necesarios para a adquisición de habilidades ou coñecementos de calquera tipo, tamén dos lingüísticos. Por exemplo, non hai fórmulas máxicas para aprendermos a usar o infinitivo persoal ou a colocación do pronome átono en cinco minutos. Hai que estudar e practicar, co galego igual que co resto dos idiomas.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra