Carlos Callón: “O uso do galego na entidade está a retroceder desde que o Estado asumiu o seu control”. “Hoxe é case imposíbel asinar un contrato en galego en Novagalicia Banco”
Hai oficinas, como a principal en Vigo, que mudaron a sinalización para que deixase de estar en galego
A Mesa sinala que o desmantelamento do noso sector financeiro conleva tamén unha merma dos dereitos lingüísticos da clientela galega
Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2013. Nun comunicado de prensa enviado esta mañá, A Mesa alertou do proceso de desgaleguización, tamén no referido ao idioma, que esta a sufrir Novagalicia Banco desde que os Estado se fixo co seu control. Así, desde A Mesa denuncian os “numerosos pasos atrás” que a entidade está a levar a cabo en relación co uso do galego e coa garantía de atención en galego, incumprindo os compromisos que adquiriran coa súa clientela.
O presidente da entidade cidadá, Carlos Callón, lembrou que após unha campaña levada a cabo pola asociación centrada no sector financeiro se produciran importantes avances na normalización das entidades galegas, mais que tras o seu desmantelamento e venda estes avances se están a converter “en auga de castañas”.
Desde que o Estado se fixo co control de Novagalicia Banco, son evidentes os pasos atrás que desde o punto de vista lingüístico que están a dar, malia que propagandísticamente se nos queira convencer da galeguidade do proxecto. Así, se A Mesa xa conseguira hai anos que Caixa Galicia ou Caixanova garantisen a opción para a clientela de escoller o idioma de relación con estas entidades e que dispoñibilizasen a maioría dos seus contratos legais na nosa lingua, hoxe é case imposíbel asinar un contrato en galego con Novagalicia Banco, que só conserva un ou dous modelos no noso idioma.
Segundo as queixas recibidas pola Mesa, mesmo nalgunha oficinas a reforma da cartelaría interna e sinaléctica serviu para facer desaparecer o galego, como é o caso da Oficina Principal de Vigo que ten sinalizados os postos só en español (“caja rápida”, etc.).
Desde A Mesa reclamaron que o Estado garanta o uso do galego nas entidades que están nas súas mans e que se respecten os dereitos lingüísticos das aforradoras e dos aforradores galegos.