A asociación cidadá difunde un modelo de escrito para lles solicitar a estas administracións que cumpran as súas obrigas e non permitan que se exclúa o galego dun programa financiado con diñeiro público
Con só dous minutos do noso tempo entre tod@s podemos parar esta vergoña
Desde A Mesa pola Normalización Lingüística animamos a todas as persoas disconformes coa exclusión do galego no Programa das Festas do Monte da Guarda a lles enviarmos unha queixa ao alcalde e mais ao Secretario Xeral de Política Lingüística solicitándolles que cumpran coas súas obrigas e non permitan que o galego sexa excluído dun programa financiado con diñeiro público.
- Podes dirixirte ao alcalde José Manuel Domínguez Freitas desde o propio web do concello premendo nesta ligazón: http://www.aguarda.es/index.php?option=com_contact&task=view&contact_id=16&Itemid=309&mosmsg=Grazas+pola+s%FAa+mensaxe
- Para te dirixires á SXPL podes enviar un correo electrónico a: sxpl.secretaria@xunta.es
Para facilitar as cousas desde A Mesa propomos este modelo de escrito no que só tedes que incluír os vosos datos despois de “cortar e colar”, mais que por suposto podedes adaptar e modificar no que considerardes, ou elaborar un totalmente diferente. Pódese descargar nesta ligazón.
Prezado Alcalde, / Prezado Secretario Xeral de Política Lingüística, [borrar o que non corresponda]
O meu nome é XXXXXXX e o meu enderezo de contacto: XXXXXXX
Gustaría de manifestar o meu estupor e indignación pola exclusión do galego no Programa das Festas do Monte 2013, que se desenvolverán na Guarda entre o 2 e o 19 de agosto. Esta indignación medra cando leo nos medios de comunicación que a organización xustifica non usar o galego no programa argumentando que é para “que o entendan os de fóra”.
Este tipo de xustificacións responden máis aos vellos prexuízos e complexos de inferioridade que teiman en nos inculcar que a criterios serios de promoción turística. Sei que a ningún visitante sensato ofende que as galegas e galegos teñamos unha lingua de noso. Tamén sei que a mellor forma de promocionar as nosas vilas e festas populares é amosando ao mundo con orgullo o rico patrimonio cultural e identitario co que contamos, un de cuxos alicerces é o galego. Persoalmente non vexo problema en que se fagan versións da programación que inclúan o finés, o alemán, o inglés, o ruso ou o xaponés para facilitar que os visitantes que teñan dificultades para comprenderen linguas romances poidan acceder sen problemas a toda a información e gozar desta festa como facemos nós, porén paréceme moi grave que pola hipotética visita de alguén que tivese grandes dificultades para deducir que “Na Alameda ás 18.00h” significa algo semellante a “En la Alameda a las 18.00h” non se nos permita gozar das nosas propias festas na nosa lingua.
Considero que tanto o Concello da Guarda como a Xunta de Galiza e a Deputación de Pontevedra teñen unha importante responsabilidade neste asunto, e o deber non só legal senón tamén moral de garantir que a lingua propia e oficial dos galegos e galegas e das súas administracións non sexa excluída de ningunha programación oficial de festexos financiada total ou parcialmente con diñeiro público.
O noso Estatuto de autonomía recoñece que o galego é a lingua propia de Galiza e insta a que os poderes públicos garantan o seu uso normal e oficial e potencien “o emprego do galego en todos os planos da vida pública” (art. 5.3). Do mesmo xeito a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, indica no seu artigo 4.1 que o galego, como lingua propia de Galiza, é lingua oficial das institucións da Comunidade Autónoma e da súa Administración; e no artigo 6.3, do devandito texto legal, insta aos poderes públicos de Galiza a promoveren o uso normal da lingua galega, oralmente e por escrito, nas súas relacións cos cidadáns, ao igual que a Lei 5/1988, de uso do galego como lingua oficial polas Entidades Locais e tamén a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración Local de Galiza, que no seu artigo 7 promulga que “o galego, como lingua propia de Galiza, éo tamén da súa Administración Local”, e continúa dicindo que “todos os actos de carácter público ou administrativo que se realicen por escrito en nome das corporacións locais redactaranse en lingua galega”.
Así mesmo, de forma máis específica en relación coa programación das festas populares, lémbrolle que o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade do Parlamento Galego en 2004, estabelece no grupo de medidas relacionadas co “ámbito do lecer e tempo libre”, concretamente na medida 6.6.17, que “as programacións culturais que conten con axuda dalgún organismo público deben garantir a presenza vehicular da lingua galega e unha notábel porcentaxe de produción cultural galega”.
Xa que logo SOLICÍTOLLE que en función das súas competencias e responsabilidades faga o necesario para garantir que o Programa das Festas do Monte de 2013 (e os de vindeiras edicións) estea dispoñíbel en galego tanto para as veciñas e veciños da Guarda como para os centos de galegas e galegos que desde hai cen anos nos achegamos á localidade para gozar destas festas sen renunciarmos á nosa lingua, e que merecemos como mínimo o mesmo respecto e consideración que os eventuais visitantes “doutras comunidades”…
Finalmente pídolle que me informe por escrito das medidas que adopte para dar cumprimento a esta solicitude.
Cumprimentos cordiais,
[Nome e apelidos]
[Lugar], 1 de agosto de 2013