A Mesa comezará una rolda de contactos cos alcaldes das sete cidades para exporlle accións concretas a favor do galego que se poden desenvolver desde o concellos
Marcos Maceira: “Os concellos deben actuar para que a lingua avance e neutralizar a agresividade do actual goberno galego”
Santiago de compostela 18/06/2015-. A Mesa pola Normalización Lingüística solicitou unha entrevista cos alcaldes e alcaldesas da sete cidades galegas para “comezar unha nova etapa de verdadeiro impulso institucional ao galego”, ante a pasividade, cando non agresividade, que vén manifestando o actual presidente da Xunta Alberto Núñez Feixó, respecto da lingua propia de Galiza.
Para o presidente da Mesa, “os concellos deben de se converter en referentes para retomar a política lingüística que a Xunta abandonou en 2009, data en que ademais comezou unha acción contra a lingua sen precedentes na etapa democrática”.
“As novas accións a impulsar desde os concellos deben comezar polo respecto ás propias normas autonómicas en relación á lingua, así como os plans e ordenanzas que algúns concellos xa teñen e aplican para a normalización do idioma, mais que nalgúns casos sufriron graves incumprimentos que deben ser corrixidos”, indicou.
A Mesa propón ademais avanzar a partir deses mínimos a través da proposta que fixo pública no mes de novembro de 2014, que contemplaba a oferta positiva en galego na atención ao público, que as empresas que traballen para as administracións local fagan uso do galego, a creación, onde non exista, dun servizo de normalización lingüística, ou que todas as actividades dos concellos se desenvolvan en galego.
“Existe un forte apoio social á lingua que se reflicte en centos de colectivos e persoas que, sen ningún apoio institucional, actúan todos os días para colocar e pór a lingua en todos os espazos que ten calquera lingua lingua propia e ademais aparentemente oficial como a nosa” sinalou Maceira, e engadíu que “ante a falta de apoio por parte da Xunta de Galiza, aínda tendo a obriga legal de o facer, deben ser os concellos quen actúen para encher o baleiro institucional a favor da lingua que a Xunta está a promover, e facer limpeza das pedras que o actual goberno foi deixando no camiño para normalizar o idioma”.
A este respecto o presidente da Mesa, sinalou algúns exemplos que evidencian o retroceso como a Educación infantil, que se ben non é competencia municipal, si que é un ámbito onde os concellos poden actuar, fornecendo medios e materiais didácticos, ou a través das escolas infantís municipais de 0 a 3 anos. Outro exemplo é o retroceso por parte de empresas que se fan cargo de servizos municipais onde se teñen producido incumprimentos graves dos dereitos lingüísticos das usuarias e usuarios, “cando todo servizo municipal por moi privatizado que estea, tense que dar nas mesmas condicións que se faría de fose de xestión pública” sinalou.
Da Mesa pola Normalización Lingüística ofreceron toda a colaboración da maior asociación cultural de Galiza, ás entidades locais para construírmos entre todas e todos unha nova política lingüística, verdadeiramente favorábel ao galego, que se ocupe de normalizar o seu uso, repolo onde foi retirado, e de incluílo en todos os espazos de onde foi excluído. Segundo Maceira, só cómpre vontade para actuar a favor do idioma e devolverlle o protagonismo necesario tamén para o desenvolvemento de Galiza como pobo.