A entidade lembra que a sociedade compostelá recibe “de forma moi positiva” o uso do galego no ámbito comercial e empresarial.
O último estudo realizado polo Concello sobre lingua e sociedade en Santiago sinalaba que ao 83,9% da clientela de Compostela lle parece “ben ou moi ben” que se use o galego na publicidade das empresas e produtos.
A próxima semana abrirá na capital de Galiza un novo centro comercial: As Cancelas. A entidade cidadá A Mesa pola Normalización Lingüística considera “moi positivo” que se respecte na súa denominación o topónimo xenuíno do lugar, mais tamén amosa a súa preocupación pola “ausencia total” do idioma galego na súa campaña publicitaria. Así mesmo, a maior asociación cultural de Galiza, lamenta as “notábeis carencias” da páxina web deste centro, www.ascancelas.es, pois non está nin completamente en galego a opción lingüística de galego, que ao mesmo tempo aparece secundarizada a respecto do castelán.
Desde a asociación presidida por Carlos Callón lembran que “todos os estudos de mercado constatan á boa disposición da sociedade galega cara ao uso do idioma propio no ámbito comercial e empresarial”. Apuntan ademais que esta valoración positiva se dá tanto nos falantes habituais de galego como nos falantes habituais de castelán, “que ven o galego como unha marca non só de proximidade, senón tamén de modernidade e novos tempos”. No caso concreto da sociedade de Santiago de Compostela, un estudo publicado polo Concello sinalaba que ao 83,9% dos veciños e veciñas lles parece “ben ou moi ben” que se use o galego na publicidade das empresas e produtos.