A Mesa pola Normalización Lingüística amosa o seu apoio aos dous avogados lugueses que veñen de anunciar publicamente o rexistro dunha reclamación ao INSS, polo incumprimento da recente Lei Integral de Igualdade de Tratamento e non Discriminación, que protexe á cidadanía tamén contra a discriminación por razón de lingua.
A reclamación, que está pendente de estudo, pode supor para o organismo unha multa de ata 50.000 euros, por “condutas discriminatorias graves”, como as que describen os avogados Miguel Vieito Villar e Cristina Fernández Lago, aos que unha funcionaria da Delegación Provincial do INSS lles negou a resolución dunha consulta, en varias ocasións, por non falar en español. A resposta que recibiron, ao negarse a abandonar a nosa lingua, foi: “Me tienes que hablar castellano si quieres que te responda. Aquí somos todos castellano-parlantes”.
Os avogados non se explican tal nivel de hostilidade, represalias e agresividade só por falaren na súa lingua. “As Administracións públicas con sede no país teñen obriga de dispensar un tratamento na lingua escollida polos administrados; neste caso, o galego”, afirman. E engaden: “a actitude e o desprezo co que fomos tratados foi totalmente inaceptábel”. “Por desgraza, non se trata dun feito illado, senón no día a día das persoas galego-falantes”, rematan.
En efecto, como ven denunciando A Mesa nos seus informes anuais da Liña do Galego, un servizo gratuíto ofrecido pola Mesa pola Normalización Lingüística dirixido a toda a poboación que tramita queixas cara ás institucións ou empresas que vulneren os dereitos lingüísticos. “A chantaxe lingüística para forzar ás usuarias e usuarios de servizos a deixar de falar galego está á orde do día”, salienta o presidente da Mesa, Marcos Maceira. “Vivimos nun marco legal onde teoricamente todos e todas temos dereito a utilizar o galego nas nosas relacións coas institucións públicas ou privadas, mais como na práctica éstas se negan a corresponder, ese dereito non se pode exercer”, resume Maceira. “Se a Xunta de Galicia quere fomentar realmente o emprego da lingua galega, debe comezar por eliminar os límites, as chantaxes e as coaccións que impiden levar a cabo unha vida no propio idioma”.