A Mesa pola Normalización Lingüística vén de renovar o seu acordo de colaboración coa Deputación de Lugo para colaborar na promoción do galego. Poucos días despois, sóubose a través dos medios de comunicación que o Concello de Santiago, na súa liña de ataques ao noso idioma, decidiu rescindir o seu apoio á entidade.
O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, asinou co delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, a renovación do convenio de colaboración entre a institución e a asociación. A través deste acordo promoveranse diversas iniciativas destinadas a fomentar o uso da lingua galega entre a poboación en xeral e, de forma especial, entre a xente nova, a que máis padece o proceso de desgaleguización.
Carlos Callón significou que “nun momento de tantos ataques institucionais contra o noso idioma e tamén contra as entidades que o defendemos, haxa algunhas institucións que fan o posíbel para apostar pola nosa cultura, polos nosos dereitos lingüísticos, pola nosa identidade”. Pola súa banda, Mario Outeiro expuxo no acto que “o idioma xera identidade, diferenciándonos e caracterizándonos como pobo e, polo tanto, temos a obriga de defendelo ante calquera ataque ou vulneración”.
Poucos días despois deste acto, os medios de comunicación informaron de que o Concello de Santiago de Compostela acaba de decidir a cancelación do pequeno apoio anual que mantiña coa Mesa. Esta decisión, que non foi comunicada á entidade de forma directa, súmase aos moitos atrancos que se están a producir desde a chegada ao goberno municipal do PP: a eliminación do apoio ao Correlingua, a redución do uso do galego, o uso do español na primeira comparecencia pública da concelleira de Normalización Lingüística, a tentativa de boicote á manifestación do 17 de maio, etc.