QUEREMOS GALEGO / A Mesa chama a participar nas manifestacións de Queremos Galego

Representantes da xestora da plataforma cidadá Queremos Galego, da que forman parte máis de 500 entidades, presentaron en rolda de prensa o lema que presidirá as manifestacións que se celebrarán o 17 de maio nas principais vilas e cidades de Galiza. En galego, aquí e agora  aproveita a proximidade das eleccións municipais para reclamar o papel normalizador dos concellos fronte ao desleixo do resto de poderes públicos, “porque a situación de emerxencia lingüística non permite esperar outros 40 anos a que as institucións se dignen a cumprir as súas obrigas”.

Queremos Galego advirte da situación de emerxencia lingüística cando se fan 40 da aprobación da Lei de Normalización Lingüística, “unha lei da que destacou máis o desleixo, a pasividade ou o boicot directo das administracións públicas -nomeadamente da Xunta, do Goberno español e do poder xudicial-  que a vontade das institucións por reparar, repor e normalizar a lingua que une galegas e galegos” en palabras do voceiro da plataforma, Marcos Maceira.

As máis de 500 entidades que integran a plataforma levan 40 anos reclamando a oficialidade real, para poder recibir atención en galego sen obstáculos, para poder ver audiovisual en galego en igualdade de condicións, para ter o ensino en galego, para que haxa xustiza en galego, para que calquera acto da vida cotiá que a cidadanía queira desenvolver en galego non sexa unha dificuldade.

A plataforma denuncia “impedimentos de todo tipo”: as e os docentes denuncian que non poden impartir materias na nosa lingua, ben por impedimento legal ou por ausencia de materiais; a canle pública estatal non emite nin un só segundo de programación infantil ou xuvenil en galego; a administración dixital obriga, no mellor dos casos, a cidadanía a repetir constantemente que escolle a súa lingua; na xustiza e na saúde campa o ananlfabetismo en galego e á Xunta e ao goberno español nin lles importa que en reiteradas ocasión o Consello de Europa sinalase o mínimo que teñen que facer para garantir o dereito ao uso do galego. Neste contexto, é lóxico que o galego perda falantes mais tamén resulta incríbel e esperanzador que aínda así aumenten as persoas que insisten en vivir en galego e en transmitilo. “É esta conciencia reparadora a que está a garantir a existencia da nosa lingua”, afirma o voceiro de Queremos Galego, Marcos Maceira. “Os poderes públicos só cumpren as súas obrigas respecto á lingua cando a sociedade llo reclama”, sentencia Maceira.

Neste sentido, o voceiro de Queremos Galego chama a atención sobre o feito de que, por primeira vez en décadas, haxa partidos políticos que están a desenvolver a precampaña con cartelaría e anuncios en español. “Indican deste xeito o seu desprezo ao principal sinal de identidade e cohesión social en Galiza, a lingua”, denuncia Maceira. Por iso, dende a plataforma piden que a cidadanía teña en conta a capacidade ampla que teñen os concellos e deputacións para garantir a presenza e dispoñibilidade da lingua galega en todas as actividades que dependen deles, tanto para que a Xunta e o Goberno español cumpran minimamente, como para que as empresas se sumen ao uso do galego. “Se todas as entidades locais reclamasen en galego as pólizas de seguro, a documentación e xestións bancarias, a actividade das empresas mentres emprestan servizos a concellos e deputacións incluíndo nóminas e xestións, as escolas infantís municipais, as actividades extraescolares, comedores, sinaléctica en servizos privatizados de todo tipo”, conclúe Maceira, “a situación do galego sería moi outra”.

Por iso, a plataforma de defensa da nosa lingua Queremos Galego sairá ás rúas das principais cidades e vilas de Galiza o 17 de maio ás 12h, para reivindicar a vida en galego, aquí e agora. Toda a información sobre as concentracións estará dispoñíbel na páxina web da plataforma: queremosgalego.gal

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra