A Mesa pola Normalización Lingüística colabora coa escola Semente Lugo nas III Jornadas de Formaçom, que terán lugar este sábado -día 4 de maio- na sala de actos da residencia xuvenil Lug II –rúa Pintor Corredoira 15– e que se centrarán na educación galega feminista. As persoas interesadas poden inscribirse de xeito gratuíto antes do día 3, nesta ligazón.
A xornada comezará ás dez da mañá co relatorio arredor do Transfeminismo, a soma inteligente de luitas que ofrecerán Cristina Palacios, presidenta de ARELAS, e mais a sindicalista Laura Bugalho. Palacios foi tamén impulsora do Protocolo Educativo sobre Identidade de Xénero e é nai da primeira crianza trans de Galiza legalmente recoñecida. Bugalho, pola súa banda, fundou o colectivo Transgaliza e insiste na necesidade de “formular a ideia fundamental de que o transfeminismo é a suma de todas as loitas, que non son parciais, senón que agora podemos recoller todas as nosas enerxías para loitar de forma intelixente.
Pola tarde, a xornada abrirá Espaços para a língua. Estratégias para aumentar o uso dumha língua minorizada coa intervención de Bernadette O’Rourke, catedrática de Sociolinguística na Universidade de Glasgow que participa no proxecto galego SMiLE (A Sustentar Línguas Menorizadas na Europa) e que ofrecerá os resultados das suas pesquisas sobre Língua e género. Da língua materna à língua das iguais. Despois, a feminista, nai e traballadora Olalha Barro, que forma parte do comisariado das xornadas Malas Linguas: activando falantes no S. XXI da Deputación da Coruña, visibilizará os mecanismos de dominación simbólica e as violencias que operan contra as mulleres e contra as persoas galegofalantes.
Finalmente, a psicóloga Hadriana Ordóñez ofrecerá a palestra Educaçom sexual de umha perspetiva feminista, na que tratará a relación intraindividual e a satisfacción no ámbito sexual a través dos eixos da mudanza social e do equilibrio nas persoas.