A Mesa colabora na actualización da Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos, 30 anos despois da súa proclamación

Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, participou onte mércores pola tarde en Barcelona na presentación pública do proxecto de actualización do marco internacional dos dereitos lingüísticos que desenvolverá o Instituto de Estudos Cataláns, no marco dun proxecto impulsado polo CIEMEN o PEN Catalán con motivo do 30º aniversario da proclamación da Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos.

A entidade de defensa da lingua galega colabora na actualización deste texto de referencia, foi aprobado por unanimidade do Parlamento galego en 1996 e que serviu de guía no proceso de elaboración do Protocolo Lingua Vital, buscando a súa adecuación aos profundos cambios sociais, tecnolóxicos e políticos do século XXI.

Maceira recorda que no actual contexto político, marcado pola dixitalización e polo impacto da intelixencia artificial, é preciso reforzar a protección efectiva dos dereitos lingüísticos e situalos no centro das axendas democráticas, culturais e de dereitos, para dar resposta aos desafíos que sofren, máis que nunca, as linguas minorizadas. “O proceso que agora comeza”, asegura o presidenta da Mesa, “debe servir para reforzar o recoñecemento dos dereitos lingüísticos como dereitos humanos e para afianzar mecanismos reais de protección e reparación nos casos de agresión ou falta de desprotección como a que por desgraza sufrimos actualmente en Galiza”.

Segundo datos ofrecidos pola UNESCO, máis da metade das linguas do mundo poderían desaparecer durante este século, se non se establece un marco internacional de protección efectivo. Neste contexto, o proxecto aspira a impulsar o recoñecemento formal dos dereitos lingüísticos dentro do sistema das Nacións Unidas, onde está previsto que se presente o texto o 2028.

O presidente de CIEMEN, David Minoves, remarca que “necesitamos un instrumento actualizado que garanta que todas as linguas e todas as súas comunidades poida vivir con dignidade e en igualdade de condicións, nun contexto global cada vez máis complexo”.

A coordinadora del Comité de Dereitos Lingüísticos do PEN Catalán e directora da cátedra de Dereitos Lingüísticos de la Universitat de València, Vicenta Tasa, salienta que “todas as persoas temos dereito a vivir na nosa lingua no noso país” e recorda que os dereitos lingüísticos son dereitos humanos básicos e previos á posibilidade de gozar doutros dereitos como a liberdade de expresión, a participación política ou os dereitos á cultura, á educación, á saúde ou a un xuízo xusto.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra