A Mesa pola Normalización Lingüística concentrouse esta mañá diante do Parlamento de Galiza “contra liquidación dos acordos sobre a lingua galega” por parte do actual goberno da Xunta.
O presidente da entidade en defensa da lingua, Marcos Maceira, denuncia o intento de eliminar os acordos anteriores en relación á lingua, nomeadamente o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega de 2004. “Este Plan que queren impoñer agora non é unha revisión”, advirte, “senón unha regresión nacida da chantaxe que quixo impor o PP e que ten como único punto de aplicación real manter a prohibición de galego no ensino, a través de porcentaxes máximas de uso, e descargando a responsabilidade de facelo nos claustros dos centros educativos”. Neste sentido, A Mesa lamenta que o PSdG-PSOE cedese á chantaxe do PP e espera que rectifique e regrese á posición de compromiso co PXNLG que mantivo desde 2004.
“En plena emerxencia lingüística”, engade Maceira, “o PP cinxiuse a aprobar normas contra o galego mentres, como reacción á mobilización da sociedade galega, anunciaba un pacto onde nunca se cuestionou eliminar os limites e as prohibicións de uso no ensino”. “A última mostra é o anuncio da aprobación do seu Plan da lingua, documento sen valor xurídico e sen posibilidade de emenda no Parlamento”, engade, “unha semana despois do rexistro da ILP Lingua Vital, a única proposta con accións efectivas que omprometen e obrigan á Xunta e aos poderes públicos”. No resto de ámbitos, “onde o acordo de 2004 falaba de facer”, segundo explica Maceira, a revisión actual do PP emprega verbos como fomentar, impulsar, promover, sensibilizar, favorecer ou fórmulas como “cando proceda” ou “na medida en que o permita o ordenamento xurídico”, “como se a Xunta non tivese capacidade de actuación de mudar as normas que exclúen o galego ou como se non fose, directamente, a responsable da súa creación e aprobación”. “Aluden a fomentar o galego dentro dun marco normativo creado por eles mesmos no que o galego nin se nomea”, lamenta.
De feito, A Mesa recorda que a proposta da Xunta nin sequera se propón garantir o cumprimento da lexislación en ámbitos nos que se está a incumprir “escandalosamente”, como en notarías ou seguros. Tampouco recolle “medidas claras e contundentes para asegurar a oferta positiva en todos os servizos”, nin o “compromiso de presenza do galego nos programas informáticos das administracións públicas” ou “a súa prioridade nas páxinas web e interfaces públicas”. “O único traslado ás normas previsto, será para manter unha porcentaxe de prohición do galego que oscilará entre o 50% e 68% das materias”, indican.

