A Mesa condena o “boicot” de Rueda á oficialidade do galego en Europa

O Consello de ministros de Asuntos Xerais da UE adiou esta mañá o recoñecemento do galego como lingua oficial na UE, que para a Mesa pola Normalización é “un paso imprescindíbel para a súa dispoñibilidade en todos os ámbitos”, nomeadamente “nas relacións comerciais e de consumo ou na contratación pública”. 

O presidente da Mesa, Marcos Maceira, recorda que o presidente da Xunta boicoteou o recoñecemento da nosa lingua por parte das institucións europeas. “Rueda, máis unha vez, abdicou do seu deber como presidente da Xunta de defender o galego e preferiu manterse no seu papel de súbdito do PP e Vox participando no boicot ao recoñecemento do galego no Consello da UE e na posición que sostiña cando se manifestaba coa ultradereita contra o idioma”. “Demostra de novo que só ten interese en pactar o enterro do galego”, rematou, “operación na que A Mesa non participará”.

En novembro de 2023, A Mesa impulsara unha carta aberta na que máis de 30 representantes de entidades públicas e sociais galegas lles pedían aos Estados membros que votasen “si” ao recoñecemento da lingua galega como oficial da Unión Europea, salientando que “o galego é garantía de futuro, de existencia digna e próspera como pobo” e que “o idioma é o mellor instrumento común que creamos todas e todos os galegos e unha necesidade para avanzarmos xuntas todas as xeracións actuais na cultura, na educación, no progreso social, económico e político”.

Naquela altura, a vicepresidenta da Mesa pola Normalización Lingüística, Elsa Quintas, participara tamén nunha rolda de prensa no Parlamento Europeo na que a Rede Europea de Igualdade Lingüística (ELEN) pediu aos Estados membros da Unión Europea que voten a favor do recoñecemento pleno da oficialidade do galego, o catalán e o éuscaro na Unión Europea. Quintas manifestara, na súa intervención, que “o impacto sería moi positivo e suporía un paso enorme cara ao recoñecemento e a normalización das linguas minorizadas, porque a oficialidade a nivel europeo é fundamental para protexer os dereitos lingüísticos das persoas falantes destas linguas”. “De feito”, abondara, “hai máis de 500 medidas legais de todo tipo que requiren a presenza e o uso das linguas oficiais da UE. Especialmente, no relativo ao consumo. E isto é moi importante, porque ten implicacións directas e indirectas na vida diaria das persoas”.

A Liña do Galego é un servizo gratuíto ofrecido pola Mesa pola Normalización Lingüística dirixido a toda a poboación que tramita queixas cara ás institucións, empresas, etc, que vulneran os dereitos lingüísticos; así como parabéns para quen dea pasos cara a garantía do dereito a vivir en galego. Este servizo conta coa colaboración da Deputación da Coruña.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra