“O Conselleiro fala como se o galego non estivese nunha preocupante situación de retroceso acelerada pola acción da propia Xunta”
Marcos Maceira: “Estas declaracións indican unha preocupante satisfacción con este estado e absoluta falta de vontade por actuar con todas as ferramentas ao dispor da Consellaría”
“Lamentábeis, inadmisíbeis e vergoñentas”. Así calaificaron da Mesa pola Normalización as declaracións publicadas nun xornal onte domingo 20 de setembro.
Santiago de Compostela, 21-09-2015.- A Mesa pola Normalización Lingüística vén de respostar nun comunicado as “lamentábeis, inadmisíbeis e vergoñentas” declaracións do Conselleiro de Educación e Cultura, Román Rodríguez, quen nunha entrevista publicada na prensa este domingo mantiña, tras ser preguntado polo informe do IGE que constataba a alarmante perda de galegofalantes entre as novas xeracións e a responsabilidade do sistema educativo nesta perda do galego, que “O sistema educativo acadou os mellores resultados no coñecemento do galego. Se comparamos a situación de Galicia co País Vasco e Cataluña [sic], temos as novas xeracións que máis e mellor coñecen e usan a súa lingua propia en calquera parámetro [sic!], comparado co resto de comunidades”, presumindo de estarmos no “nivel de coñecemento de galego máis alto da historia”.
Sinalan desde A Mesa que o conselleiro fai estas declaracións a sabendas da súa falsidade e de que todos os datos indican o retroceso da lingua propia de Galiza tal e como sinalaron recentemente institutos oficiais como o IGE e o INE, e de que nos últimos seis anos a única acción efectiva sobre o galego tomada polo goberno de Núñez Feixó foi a de limitalo na escola e reverdecer vellos prexuízos contra a nosa lingua.
“No ámbito educativo e xuvenil, ademais do coñecido decreto contra o galego de 2009, que por primeira reduce e limita o uso do galego nas aulas, atopámonos coa exclusión do galego de todos os outros ambientes: audiovisual, lecer, deporte… mesmo esta fin de semana tivemos oportunidade de ver como a propia Xunta deixaba de utilizar o galego nas redes socias do encontro xuventudegalicia.net.” indicou o presidente da Mesa, Marcos Maceira.
Maceira criticou que xunto coa exclusión forzada do galego de todos os espazos que calquera lingua precisa para exisitir, estamos a ver agresións ao dereito a falala que fican na impunidade co apoio por acción ou omisión de que ten en primeiro termo a obriga legal de actuar, a propia Xunta, como demostrou a intervención do conselleiro no Parlamento Galego hai uns días.
A Mesa considera que mal poderá achegar algunha solución o novo conselleiro se se nega a asumir un problema que está á vista de todo o mundo, e que recoñeceu o propio Partido Popular o pasado 15 de xullo asinando unha Declaración na que se admitía que “Recentes estudos de organismos oficiais voltaron pór de manifesto un preocupante retroceso social da lingua”.
A Mesa pola Normalización Lingüísitica lembra que lonxe da autocomplacencia amosada polo conselleiro nesta entrevista, o pasado 15 de xullo todos os partidos con representación en Galiza, incluído o PP, se comprometeron a “abrir unha nova de normalidade” para a lingua galega e ”devolverlle o protagonismo que nunca debeu perder, retomando e iniciando todas as medidas e accións que foren precisas para a súa reposición, rehabilitación e plena normalidade, comprometéndose polo tanto a “reactivalas e promovelas en todas as áreas e institucións onde teñamos responsabilidade de goberno”.
“Se Feixó e Rodríguez queren comezar a nova política que o galego precisa, teñen nas súas mans eliminar os primeiros atrancos introducidos pola Xunta: o decreto que limita e prohibe a docencia en galego e as facilidades para o seu descoñecemento na función pública. Contan tamén cunha ferramenta como o Plan Xeral de Normalización da Lingua galega aínda sen aplicar malia o seu amplo nivel de acordo reafirmado na declaración do 15 de xullo”.
Neste sentido, desde A Mesa critican que a única resposta da Consellaría aos datos que demostran as nefastas consecuencias da súa política educativa sexa insistir en que hai que actuar noutros ámbitos que non son o educativo… cando a realidade evidencia que tampouco fan nada por posibilitar espazos de uso do galego para a mocidade fóra das aulas, nin tan sequera os contemplados no PXNLG hai máis de dez anos.
Así, A Mesa lembroulle ao conselleiro que a Xunta, lonxe de favorecer a transmisión familiar da lingua galega potencia e ampara a exclusión do galego das escolas infantís; que fixo desaparecer o programa “Preescolar na casa”, citado nas medidas do PXNL; que non hai produtos audiovisuais dobrados ou subtitulados destinados á infancia e mocidade e que a oferta en galego destinada á infancia nas televisión públicas tamén se reduciu desde a chagada do PP ao Goberno. Isto súmase á oferta insuficiente de programas e xogos informáticos adaptados ao galego, xa que non se desenvolveu unha política activa de creación e de adaptación ao galego de programas, xogos informáticos e videoxogos, de banda deseñada, e de programas audiovisuais destinados ao público mozo.
É evidente o nulo interese da Xunta por fomentar o uso do galego nos ámbitos sociais de máis impacto e utilización por parte dos máis novos, e mesmo as federacións deportivas de base que dependen da administración galega exclén o uso da nosa lingua, a que non houbo ningunha acción para fomentar a utilización do galego nas actuacións e actividades musicais, incluída a CRTVG, tal como contemplaba o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, nin se estabeleceron acordos coas cadeas de televisión e de radio locais que emiten en Galiza para incrementar o uso do galego nos programas destinados á mocidade. É inexistente a dobraxe ao galego do cine exhibido en Galiza e non hai garantías para súa distribución e exhibición en condicións de igualdade respecto do cine en castelán.
Son só algúns exemplos das medidas destinadas a potenciar o uso do galego entre a mocidade que sinala o PXNLG hai dez anos que a Xunta continúa sen aplicar, como tampouco activa na actualidade campañas efectivas de sensibilización e de información sobre a lingua galega entre a mocidade.