Carlos Callón: “O PP cospe na cultura galega ao aprobar a Lei da Wertgoña o día en que festexamos a existencia da nosa lingua, da nosa literatura, da nosa cultura”.
A entidade felicita todas as persoas que, “a pesar da negrura destes tempos, fixeron posíbel onte un novo éxito de mobilización en defensa da nosa lingua” e rexeita a “xordeira social do PP”.
Un día despois de que a plataforma impulsada e coordinada pola Mesa pola Normalización Lingüística, Queremos Galego, ateigase de novo as rúas de Santiago de Compostela en defensa do idioma de Galiza, a entidade cidadá “felicita efusivamente todas as persoas que fixeron posíbel este novo éxito mobilizador”, mais tamén ve “máis razóns para a carraxe cara a uns poderes públicos xordos ao clamor social”.
Así, a maior asociación cultural galega considera “repulsivo, noxento” que o Partido Popular decidise levar ao Consello de Ministros unha lei contra o galego, a “Lei da Wertgoña”, no Día das Letras Galegas. O presidente da Mesa, Carlos Callón, afirma que “o PP cospe contra a nosa cultura nun dos xestos simbólicos máis infames de cantos ten feito nos últimos anos contra a nosa lingua, a nosa literatura e a nosa cultura”. “Mentres Galiza festexaba a existencia do seu idioma, o PP aprobaba unha lei para tentar acabar con el”, lamenta.