A asociación, que rexeita todo acto de violencia, xa denunciara que a Policía mesmo chegou a identificar nese día a calquera persoa que falase en galego na zona vella de Santiago.
A maior asociación cultural de Galiza sinala que este xuízo se inscribe “nun proceso maior de criminalización do activismo social e cultural”.
A Mesa pola Normalización Lingüística avalía como “un disparate que produce arrepíos” ver que a Fiscalía solicita un total de 45 anos de prisión e máis de 30.000 euros en multas a un conxunto de mulleres e de homes que saíron á rúa o 8 de febreiro de 2009 para expresaren o seu desacordo coa manifestación contra a lingua galega que nesa data apoiaran o PP, a Falange e UPyD. Segundo apuntan desde A Mesa, a única pretensión desa petición de penas desproporcionadas é criminalizar os movementos sociais.
A Mesa, malia rexeitar claramente a manifestación galegófoba de Galicia Bilingüe, baseada en prexuízos falsos, non participou nos actos de repulsa por entender que favorecía a estratexia de vitimización que practica a entidade convocante, sen implantación real no país (lembremos que necesitaron fletar autobuses desde fóra de Galiza) mais con amplo respaldo mediático.
Con todo, a maior asociación cultural galega desexa que “cese o disparate e se faga xustiza”, ao mesmo tempo que considera “incomprensíbel en termos democráticos” que non se abrise ningunha investigación pola “abusiva actuación policial nesa xornada”. Así, desde A Mesa xa denunciaran nese momento que a Policía mesmo chegou a identificar a calquera persoa que levase algún símbolo vinculado con Galiza ou que falase en galego na zona vella de Santiago. “Iso, ademais de coartar as liberdades, amosa ben ás claras cal era o sentido desa manifestación”, apuntan.
Desde A Mesa observan, ademais, que este xuízo se inscribe nun momento de retroceso para as liberdades fundamentais no Estado español en xeral, mais con especial significación en Galiza, país no cal se agudiza a criminalización de calquera activismo social e cultural. Fronte a iso, A Mesa anima “ao conxunto da sociedade comprometida” a que “non se deixe vencer” e a que “manteña aceso o facho do traballo e da esperanza”.