A Mesa pola Normalización Lingüística

A Mesa considera unha “enorme burla” a última campaña de Política Lingüística da Xunta

A Mesa considera que esta campaña “fraudulenta” podería ser unha “infracción consciente” da lexislación electoral.

Carlos Callón: “Con Feijóo non existiron axudas ao uso do galego na empresa e conseguiuse que o noso sexa o idioma máis desprotexido no sector comercial e empresarial en todo o Estado”.

“Hai que ser extraordinariamente cínicos para presentar unha campaña de suposta promoción do galego despois de toda unha lexislatura de agresións a este idioma”. Así valora o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, a iniciativa “O galego, chave para os teus negocios no mundo”, na cal participou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez.

 

O portavoz da maior asociación cultural de Galiza recorda que “fronte á propaganda de última hora, a verdade é que con Feijóo non houbo nin un só adianto para a nosa lingua en ningún ámbito, tampouco no comercial e no empresarial”. Así, Callón recorda que “aínda que Feijóo prometeu en 2009 que ía promover a nosa lingua, á vista de todas e todos está que non foi así e nin tan sequera existiron axudas ao uso do galego na empresa como mesmo existiran durante os gobernos de Manuel Fraga Iribarne”.

 

Na Mesa tamén lembran que o goberno de Alberto Núñez Feijóo e Valentín García Gómez evitou a aprobación dun marco legal que “garantise a igualdade de dereitos e oportunidades para a lingua galega no ámbito empresarial”. “Nestes momentos, hai máis de cen leis, decretos e ordes que regulan a presenza do castelán no sector do comercio e da empresa e nin unha soa que garanta de forma xeral uns mínimos dereitos para a lingua galega, como si existe por exemplo tamén para o catalán, o vasco ou o aranés”, sinalan desde a asociación. Tendo en conta todo iso, desde A Mesa din que “presentar iniciativas só para a campaña electoral, ao mesmo tempo que se negan os nosos dereitos lingüísticos só pode ser cualificado como unha enorme burla”.

 

O feito de que a Xunta presentase esta campaña “fraudulenta” 48 horas antes de que comezase a campaña electoral fai que A Mesa se pregunte se se podería estar perante unha “infracción consciente da lexislación electoral”.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra