O galardón entrégase un ano máis ás empresas que destaquen polo seu uso normalizado do galego.
O prazo de presentación de candidaturas finaliza o 31 de outubro
A Mesa pola Normalización Lingüística convoca un ano máis o Premio Abertos ao Galego, co que se recoñece a empresas que destacan polo seu uno normal do idioma galego. Esta iniciativa, que xorde da necesidade de lle darmos máis visibilidade social ás empresas que se comprometen cun dos máis sinais principais da identidade de Galiza –según comentaba hai un ano Carlos Callón- busca galardoar e animar as empresas para que se sumen á normalización do noso idioma.
Nesta segunda edición A Mesa vai procurar, una vez máis, a implicación da sociedade a través da presentación de candidaturas: calquera empresa ou particular poderá enviar propostas, que deberán remitirse á sede da Mesa pola Normalización Lingüística (Avenida de Lugo, 2A, Entresollado A, 15702, Santiago de Compostela) ou por correo electrónico (abertosaogalego@amesanl.org) cunha proposta que inclúa o nome e datos de contacto da empresa, xunto cunha explicación da candidatura na cal se incida no uso do galego que se fai desde a empresa candidatada. O prazo de presentación finaliza o 31 de outubro. Para incentivar a participación, as persoas que remitisen candidaturas a título particular entrarán no sorteo dun lote de produtos das empresas de Abertos ao Galego.
O proxecto Abertos ao Galego, que dá nome ao premio, está conformado por un certificado que outorga A Mesa pola Normalización Lingüística, en diferentes niveis, a empresas, comercios, asociacións e entidades de todo tipo que adopten e desenvolvan compromisos para a normalización do galego. O premio, como carácter simbólico, materialízase na pertenza durante un ano ao Proxecto Abertos ao Galego. A empresa que gañou o premio na súa primeira edición, en 2012, foi Tuenti (www.tuenti.com), rede social con gran pegada no ámbito xuvenil e que ten unha exitosa versión en galego. O premio foi entregado no mes de decembro no Pazo da Pedreira de Pontevedra, coa presenza de Cristóbal Fernández (Director de Comunicación de Tuenti) e Javier Moreno (responsábel do servizo de tradución desta empresa).
BASES DA SEGUNDA EDICIÓN DO PREMIO ABERTOS AO GALEGO (2013)
Abertos ao Galego é un proxecto da Mesa pola Normalización Lingüística para avanzar na normalización do idioma de Galiza no ámbito empresarial. O Premio Abertos ao Galego quere contribuír a este obxectivo e implicar o conxunto da sociedade na súa consecución. Para isto, o Premio Abertos ao Galego outorgaranse de acordo coas seguintes bases:
1- O Premio Abertos ao Galego concederáse anualmente a unha empresa que se distinga no uso normalizado da lingua galega.
2- As candidaturas para o Premio Abertos ao Galego poden presentarse de calquera das seguintes formas:
– Os membros do xurado poderán propor unha ou varias empresas.
– Calquera empresa ou particular pode presentar unha ou varias candidaturas enviando á sede da Mesa pola Normalización Lingüística (Avenida de Lugo, 2A Entresollado A, 15702, Santiago de Compostela) ou por correo electrónico (abertosaogalego@amesanl.org) unha proposta que inclúa o nome e datos de contacto da empresa xunto cunha explicación da candidatura na cal se incida no uso do galego que se fai desde a empresa candidata.
– Todas as empresas que xa formen parte de Abertos ao Galego son candidatas.
3. O prazo para a presentación de candidaturas remata o día 31 de outubro de 2013. Para as candidaturas remitidas por correo postal, admitiránse candidaturas enviadas até esa data,e as que se reciban antes da data da reunión do xurado.
4. O xurado do Premio Abertos ao Galego estará conformado polos compoñentes da Comisión Permanente da Mesa pola Normalización Lingüística, e un representante da empresa gañadora na edición anterior. Tamén serán convidados a formar parte do xurado unha asociación de consumidoras/es e unha entidade asociativa do ámbito da empresa (cámaras de comercio, asociacións empresariais…). A presidencia do xurado recaerá na presidencia da Mesa pola Normalización Lingüística.
5. O xurado seleccionará a empresa premiada tendo en conta os obxectivos e finalidade do premio, e pode optar por deixalo deserto. A súa decisión será inapelábel.
6. As persoas que remitiron candidaturas a título particular entrarán no sorteo dun lote de produtos das empresas de Abertos ao Galego. Para poderen participar no concurso é imprescindíbel que se teñan identificado con nome, apelidos, número de carné de identidade, teléfono e enderezo postal. Toda esta información xestionaráse de acordo co disposto na Lei 15/1999, de protección de datos de carácter persoal.
7. As empresas candidatas, para poderen manter esta condición, deberán acceder a facilitar información ao xurado en relación cos usos lingüísticos que practican interna e tamén externamente.
8. Os premios serán entregados nun acto público ao cal se dará difusión polos medios que determine A Mesa pola Normalización Lingüística, entre eles, as redes sociais.
9. O premio, ademais de no seu carácter simbólico, materialízase na pertenza ao proxecto Abertos ao Galego por un ano para a empresa gañadora. Na portada da páxina web da Mesa pola Normalización Lingüística (www.amesanl.org) figurará o logotipo da empresa gañadora cada ano.
10. As empresas premiadas poderán mencionar na súa comunicación externa e interna a posesión deste premio.