A Mesa convoca unha concentración este xoves 13 de marzo en Ourense, en defensa da única toponimia lexítima e oficial

Ourense, 10 de marzo de 2025.- A Mesa pola Normalización Lingüística convoca unha concentración en apoio da única toponimia lexítima, oficial e legal a quinta feira (xoves) 13 de marzo ás 11.1o h diante dos xulgados de Ourense, coincidindo co xuízo polas supostas actuacións nun balado que promovía a deturpación do nome da cidade das burgas. A mobilización terá por lema Ourense polo seu nome e pódese apoiar na rede, a través da asinatura do manifesto polo respecto á legalidade na toponimia dispoñíbel aquí.

O presidente da entidade de defensa da lingua, Marcos Maceira, recorda que “as campañas recorrentes contra a toponimia galega son un ataque á nosa dignidade colectiva que non podemos admitir e do en moitas ocasións participan directamente organismos públicos”. “Ademais de balados insultantes ou chamamentos a incumprir a lei”, denuncia, “encontrámonos frecuentemente con vulneracións da lei promovidas desde institucións públicas”.

Maceira apunta que o artigo 10 da Lei 3/1983 de Normalización Lingüística recolle que “os toponimos de Galiza terán como única forma oficial a galega”, o que se contempla tamén en acordos internacionais como a Carta europea das linguas rexionais e minorizadas ou o Convenio marco para a protección das minorías nacionais, promovidos polo Consello de Europa. “O acordo da sociedade galega respecto á denominación dos nomes dos lugares é unánime”, afirma o presidente da Mesa, “e só é cuestinado desde postulados ideolóxicos que desde o supremacismo lingüístico e cultural pretenden, desde fóra, sementar a división e o enfrontamento no noso país atacando calquera expresión de identificación da sociedade galega consigo mesma, coa súa lingua e coa súa forma de denominar todos os espazos do seu territorio”. “Empregan o desprezo, a mentira e a manipulación para dicirnos como temos que ser e como temos que nos chamar”, sentencia.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra