Marcos Maceira e Celia Armas, da Mesa, e o deputado de Cultura e Lingua de Pontevedra, Xosé Leal, presentaron esta mañá a app, dispoñíbel para terminais Android e IOS nas principais plataformas dixitais.
“Os estabelecementos que apostan polo galego fano dun xeito consciente, cunha aposta polo propio, pola calidade e pola proximidade”, salientou Leal. “Nós podemos apoialos no noso día a día e animar outras persoas a faceren o mesmo”, apuntou. “A App Abertos ao galego quere apoiar este compromiso co propio, facendo visibeis os centos de negocios “abertos ao galego” espallados por todo o país”, explicou Celia Armas.
O funcionamento da aplicación é sinxelo, intuitivo. Permite localizar os negocios tanto en modo mapa como en modo búsqueda, filtrando tanto polo nome como por categorías. E cada persoa usuaria rexistrada pode puntuar, do 1 ao 5, o uso que se fai da lingua galega na atención oral, escrita e virtual de estabelecementos e comercios. Tamén se poden facer comentarios adicionais, para ampliar a precisión da valoración. A App fica, ademais, aberta a novas incorporacións, que se poden cursar a través dun sinxelo formulario dixital.
Para Maceira, “a mellor proba de compromiso e reponsabilidade co noso idioma é o seu uso normal”. “Como sociedade, alén de demandarmos compromiso e reponsabilidade ao empresariado, cómpre que as consumidoras contribúan apoiando aqueles que emprestan servizos e produtos en galego”, afirmou. Esta nova App xorde co obxectivo de que o público valore e priorice o consumo e utilización de servizos proporcionados en estabelecementos lingüisticamente responsábeis.
A aplicación móbil forma parte do proxecto Abertos ao Galego, que certifica o compromiso coa normalización da nosa lingua de empresas, comercios, asociacións e entidades de toda índole. Desde o cumprimento da lexislación lingüística e o estabelecemento de medidas concretas para o uso do galego, até o uso sistemático do galego tanto interna como externamente e a solicitude de información e documentación en galego a provedores e administracións, Abertos ao Galego acompaña e apoia aquelas entidades que apostan dun xeito consciente pola lingua propia amosándolle á cidadanía os seus esforzos e animando os consumidores e consumidoras a apoialas, escollendo os seus produtos ou servizos.
Ligazóns de interese: Aplicación | Descargas en IOS e Android | Formulario de alta de novos negocios