A Mesa pola Normalización Lingüística

A Mesa critica o “sectarismo doentío” da Xunta, que exclúe a maior asociación cultural de Galiza de toda axuda pública

Contrastan os 256.000 euros para a Fundación Camilo José Cela cos só 6.000 que recibe a Asociación de Escritores en Lingua Galega e os 0 céntimos que recibe A Mesa

A Mesa leva tres anos sen contar con ningunha axuda da Xunta, a pesar de ser a asociación cultural galega con máis socias e socios

Hoxe publicitáronse no DOG os convenios asinados pola Consellaría de Educación e Cultura no primeiro cuadrimestre de 2012 (http://www.xunta.es/dog/Publicados/2012/20120531/AnuncioG0164-230512-0005_gl.html). Nesa información pódese comprobar, segundo A Mesa pola Normalización Lingüística, unha distribución “sectaria, totalmente arbitraria” das axudas públicas.

 

 

Para a maior asociación cultural de Galiza, só desde unha “postura de desprezo total á cultura galega por parte da Xunta” se pode explicar que a Fundación dun só escritor en castelán como foi Camilo José Cela, reciba 44 veces máis diñeiro que a asociación de todos os escritores galegos e de todas as escritoras galegas. “A Xunta afortala máis a cultura en español, que conta con tantísimo resortes de apoio, mentres fai deixamento de funcións na súa obriga de apoiar a cultura en galego”, valora o presidente da Mesa, Carlos Callón.

 

 

A Mesa pola Normalización Lingüística considera que é tamén unha “negación da pluralidade existente na sociedade galega” que o Goberno galego, presidido por Alberto Núñez Feijóo, negue “calquera” axuda pública a esta entidade, a pesar de que os seus 4.000 socios e socias a converten na maior asociación cultural de Galiza. “Se non se ofrecen nin a máis pequena axuda á organización con máis membros e con contrastada actividade, cal é o criterio que seguen para a distribución? Que pasa, que para recibir axudas públicas hai que aplaudir a Núñez Feijóo como se fósemos súbditos e non puidésemos ter criterio propio e diferente?”, pregúntanse desde A Mesa.

 

 

Ante esta situación, a entidade en defensa do galego, con 26 anos de historia, convida “a todas as persoas que queiran que esta asociación continúa e existir e a erguer a súa voz” a que se afilien á mesma, “xa que a nosa base social é a que nos permite continuar a pesar do sectarismo do Partido Popular”. Calquera persoa con sensibilidade pola lingua galega se pode facer socia a través da ligazón http://www.amesanl.org/gl/formularios/faiteSocio A cota anual é de 18 euros para paradas/os e estudantes e 46 euros a normal.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra