INFORME / A Mesa cuantifica a desvantaxe á que se ve sometida o galego na ESO

A entidade de defensa da lingua presenta un Informe sobre a presenza do galego nos centros públicos de ensino secundario obrigatorio, que avalía o impacto na nosa lingua da implantación do Decreto 79/2010 para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galiza.

Aínda que o decreto estabelece unha distribución horaria “equitativa” entre as linguas, o galego está vetado nas materias con máis carga horaria e naquelas que deben ser impartidas na n.osa lingua empréganse libros de texto e materiais en español.

Nos centros que contan con EDIXGAL, o español ten garantido o 40,62% das horas lectivas, fronte ao 22,65% do galego e o 12,5% doutras linguas.

O presidente da Mesa, Marcos Maceira, presentou esta mañá en Compostela o Informe sobre a presenza do galego nos centros públicos de ensino secundario obrigatorio, no que Nuria Fociños cuantifica a dasvantaxe á que se ve sometida a nosa lingua trala implantación do Decreto 79/2010, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galiza. O informe está dispoñíbel para libre descarga, aquí.

Maceira recordou que o Decreto para o plurilingüismo foi aprobado unilateralmente polo goberno do PP, sen ter en consideración a opinión social contraria á redución da presenza do galego nas aulas, e denunciou “os efectos contra o galego”, que son “ben coñecidos e recoñecidos polos organismos internacionais”, malia non se ter producido até o de agora ningunha avaliación oficial por parte do goberno galego. O propio decreto estabelece que esta avaliación ha de ter lugar cada catro anos, para comprobar os seus efectos e introducir as melloras pertinentes, pero o goberno leva 13 anos incumprindo sistematicamente algunha das partes do seu propio decreto.

“A requirimentos de organismos internacionais como o Consello de Europa ou o relator especial da ONU para as minorías”, lamentou Maceira, “a Xunta limitouse a oferecer como dato fiábel de avaliación a distribución horaria do 50% entre galego e español ou, se é o caso 33% para galego, castelán e inglés que indica o decreto”. Porén, este informe, que segundo explicou a súa autora, Nuria Fociños, recolle a información pública e dispoñíbel dos 303 centros públicos (Centros Públicos Integrados ou Institutos de Ensino Secundario) que imparten Ensino Secundario Obrigatorio, constata que máis da metade dos centros públicos incumpren o requisito de ter un Plan Lingüístico de Centro publicado e actualizado, o que en palabras de Maceira “demostra a falta de escrúpulos dos responsábeis políticos da Consellaría e da Xunta, que non dubidan en mentir publicamente ofrecendo uns datos de presenza do galego que ou non son reais ou descoñecen e que ademais, como se comprobará, son en grande medida responsábeis da imposibilidade de qeu se fagan públicos”.

O decreto estabelece unha distribución horaria “equitativa” en castelán, galego e inglés, no caso de se introducir esta última lingua, e indica claramente que os materiais e libros de texto das materias impartidas en galego e en castelán deberán estar redactados na lingua en que se imparta a materia. Porén, como a entidade de defensa da lingua ven denunciando dende hai anos, tanto a LOMCE como a LOMLOE outorgan unha maior carga horaria a aquelas materias nas que o uso do galego está prohibido.

Esta situación empeora nos centros que contan con EDIXGAL, o programa da Xunta de Galiza para libros de texto dixitais, e que son xa un 59% do total. Neles, a presenza e diversidade de materiais en español é moi superior ao galego, cando non é exclusiva, o que lle garante ao español un mínimo de 52 horas no conxunto da ESO (40,62%) fronte ás 29 do galego (22,65%) e as 16 de outras linguas (12,5%). Isto é así, porque só dúas das materias das áreas que deben ser impartidas en galego (Ciencias naturais e Ciencias Sociais) contan con todos os materiais no noso idioma. No resto, ou a maior parte da oferta está só español (música e plástica en 3º e 4º da ESO) ou a oferta en galego é minoritaria (1 en galego fronte a 4 en español en Educación física ou Plástica de 1º da ESO ou Educación física e música de 2º). En cursos como 4º da ESO, ao estaren só en español os libros de troncais como latín, economía, plástica ou música, aumenta a posibilidade de só se empregar o galego en 9 das 32 horas semanais.

A abundancia e diversidade de materiais didácticos e libros de texto en español fronte á inexistencia ou escaseza dos mesmos materiais e libros en galego, permite concluír que EDIXGAL introduce un novo veto ao galego: nas optativas de 3º da ESO non hai posibilidade de contar cos materiais dixitais en Educación Plástica e audiovisual, Música ou Cultura clásica. Para 4º da ESO a limitación de uso do galego afecta a Educación plástica e audiovisual, Música, Economía, Latín, Cultura Clásica e Filosofía. A única alternativa que se lle dá ao profesorado para favorecer a competencia lingüística do alumnado empregando materiais en galego, é elaboralos directamente e subilos a EDIXGAL, sen a intermediación dos facilitados pola Consellaría de Educación.

Outro aspecto do Decreto que se ven incumprindo sistematicamente é o compromiso por parte da Consellaría de Educación de desenvolver un plan de formación que garanta que todo o persoal dos centros educativos de Galiza e dos servizos de apoio cuxo persoal dependa da consellaría teña unha competencia oral e escrita suficiente para comunicarse e para desenvolver a súa actividade profesional en galego, así como un coñecemento da situación sociolingüística de Galicia.

“Poderíamos estar a falar de neglixencia absoluta e de desleixo da Xunta na aplicación do seu propio decreto”, conclúe Maceira, “mais todo indica que esta política de eliminación paulatina de calquera presenza do galego nas aulas é intencionada e está prefectamente calculada. Non é que se incumpra unha parte dun decreto, é que se incumpren todos os elementos que garanten un mínimo para o galego e nomeadamente aqueles que xa estaban no decreto 124/2007 derrogado por Rueda e Feixó en 2010″.

A Liña do Galego é un servizo gratuíto ofrecido pola Mesa pola Normalización Lingüística dirixido a toda a poboación que tramita queixas cara ás institucións, empresas, etc, que vulneran os dereitos lingüísticos; así como parabéns para quen dea pasos cara a garantía do dereito a vivir en galego. Este servizo conta coa colaboración da Deputación da Coruña.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra