A Mesa demanda a CSAG por difundir información falsa través da TVG

A Mesa pola Normalización Lingüística demandou a Corporación Radio e Televisión de Galicia (Corporación de Servicios Audiovisuales de Galicia, CSAG) por difundir información falsa a través dos Telexornais da TVG sobre a postura da entidade de defensa da lingua con respecto ao novo plan de normalización lingüística anunciado pola Xunta de Galicia.

O pasado 16 de xullo, a TVG recolleu no Telexornal do Mediodía e no Telexornal do Serán un breve extracto da rolda de prensa ofrecida pola Mesa en resposta á presentación da proposta de novo PNLG, introducíndoo dende plató coa seguinte afirmación: “A Mesa pola Normalización Lingüística rexeita o Plan que presentou a Consellería para fomentar o uso do galego. Cren que é mellor o Plan de Normalización actual, vixente dende o 2004, e din que un novo debe impoñer o uso do idioma.”

A Mesa recorda, na súa demanda, que os seus obxectivos son “normalizar, promover, velar, defender dereitos e evitar o deterioro da lingua galega”, tal e como recollen os seus estatutos, e non “impoñer” o seu uso. E achega a gravación íntegra da rolda de prensa, na que se pode comprobar que nin o presidente da entidade, Marcos Maceira, nin a secretaria xeral, Celia Armas, defenderon a imposición lingüística nas súas intervencións. Achega, asimesmo, múltiples exemplos de como recolleron o resto dos medios de comunicación a rolda de prensa, con informacións que recollen verazmente a posición da entidade.

“O único medio que terxiversou resumindo a rolda co discurso da imposición lingüística foron os Informativos da CSAG”, afirma a avogada e vicepresidenta da Mesa Elsa Quintas. “A CSAG renunciou a informar obxectiva e verazmente e formulou unha opinión que só puido ser interpretada negativamente polas persoas receptoras da mesma”, engade Quintas, “facéndoas crer que o obxectivo da Mesa é a imposición lingüística e non a defensa dos dereitos lingüísticos da poboación galegofalante”. “Impoñer unha lingua”, explica, “implica desenvolver un comportamento coercitivo cara a sociedade que é totalmente alleo ao obxecto social da Mesa e que só pode ser interpretado en sentido negativo, de aí que exista un dano verificábel e obxectivábel consistente en ofrecer unha imaxe da Mesa como entidade que ten un compoñente impositivo e antisocial”. “O dano provocado”, engade”, “non deriva dun erro involuntario no exercicio do traballo informativo dos profesionais da CRTVG, senón da cualificación negativa, carente de fundamento obxectivo, que se quixo transmitir de que se rexeitaba un plan porque non impoñía o uso do galego”.

A Mesa solicitou formalmente a rectificación ao día seguinte da emisión desta información, por considerala inexacta e que causante dun grave prexuízo á entidade, pero a dirección da TVG contestou que “a utilización do verbo impoñer pretende expresar o carácter obrigatorio ou prescriptivo das medidas ás que se refería o portavoz”. Finalmente, polo tanto, A Mesa viuse obrigada a recorrer á xustiza para tentar reverter o dano causado pola información falsa difundida polos medios públicos galegos, que poden fomentar a hostilidade cara a entidade naquelas persoas que non coñezan o labor que A Mesa pola Normalización Lingüística realiza e os obxectivos que persegue.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra