Marcos Maceira e Celia Armas, presidente e secretaria xeral da Mesa pola Normalización Lingüística, pedíronlle explicacións ao conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude durante a súa intervención no acto de constitución das comisións para a “revisión” do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG) -que tivo lugar esta tarde na Cidade da Cultura- pola “imposición dun proceso que no mellor dos casos é improvisado e inútil, no peor, abertamente contrario á transparencia, participación e pluralidade acordada e imprescindible para chegar a un acordo que verdadeiramente impulse accións a favor da lingua galega”.
A Mesa denunciou o “veto” da Xunta a que ningunha das entidades sociais representativas de sectores como a xuventude, a cultura, a educación, o traballo ou o consumo propostas pola Mesa nunha relación ampla e diversa participen no proceso de “revisión” do PXNLG. “Á vista está que prefiren a unilateralidade”, lamentou Maceira, “nun proceso que non amosa nin transparecencia, nin participación nin vontade. Nada. Só imposición de limites ás comisións nomeadas por vostedes”.
“Que lle deixan a estas comisións?”, preguntou o presidente da Mesa, “O enterro do galego?”. Maceira inquiriu ao conselleiro e ao resto das persoas presentes sobre qué poderá facer a comisión das novas tecnoloxías, despois do Consello da Xunta aprobar un proxecto de lei de IA que non contempla o uso do galego. Ou qué efectividade pode ter calquera medida da comisión de medios de comunicación, coa porta aberta a deixar de usar o galego na TVG. “Que pode propor a comisión de acción exterior cando eliminan prazas de portugués que só teñen 0,8% dos centros educativos ou se manteñen o voto contra a oficialidade do galego na UE?”, insistiu. “Van asumir as resolucións do Consello de Europa no ensino ou manter o decreto contra o galego apoiándose nunha suposta enquisa de valoración comercial encargada para desacreditar a realidade?”, abundou Maceira. “Son vostedes uns mentireiros, trampulleiros e indignos de representar a ninguén”, rematou, “se tivesen un chisco de vergoña demitirían”.
A Mesa denuncia que o obxectivo do proceso iniciado pola Xunta non é “reactivar” o PXNLG para loitar contra a emerxencia lingüística, senón construír “un novo Plan á medida de Rueda”, para “derrogar a oficialidade formal do galego”. “Só lles vale rebaixar os obxectivos indefinidamente até que deixe de existir o galego”, asegurou Maceira, é “iso é o que chaman bilingüísmo cordial”. Neste sentido, Maceira e Armas denunciaron que o obxectivo da Xunta é “paralizar a resposta social que se está a producir por todo o país á emerxencia lingüística e que se manifestará nas rúas de Compostela o 23 de febreiro”. “Esa reacción social é a que salvará o galego e a Xunta e o PP sábeno”, afirmaron.
Os responsables da máxima entidade de defensa de galego do país afirmaron que A Mesa non vai “lexitimar” nin participar un proceso que non teña como obxectivo reverter a emerxencia lingüística. “Vostedes prefiren negar a evidencia e a realidade fabricando enquisas e usando os medios públicos para difundir mentiras”, lamentou Maceira. “Nós poderemos vivir sempre co orgullo de defender a lingua”, rematou.