A Mesa denuncia “galegofobia” por impedir usar o galego nun establecemento de Vigo

Vigo, 4 de agosto de 2026.- A Mesa pola Normalización Lingüística concentrouse esta mañá na rúa Príncipe de Vigo para denunciar a “grave discriminación por motivos lingüísticos” e a “galegofobia” sufrida por unha cidadá galegofalante no comercio K-Tuin.

A vicepresidenta da Mesa, Elsa Quintas, advirte que negarse a atender unha persoa por falar en galego é “unha vulneración clara de dereitos lingüísticos” e sinala que as persoas que atenden ao público deben ser coñecedoras dos dereitos lingüísticos da súa clientela. “Se a persoa que nos atende nun establecemento privado é incapaz de comprender o galego”, recorda, “debe ofrecer a opción de ser atendida por alguén que o entenda”.

A vicepresidenta da Mesa reitera a gravidade dos feitos e relaciónaos coa “política de ataque ás linguas minorizadas”. “Situacións como esta demostran o vulnerábeis que somos como clientes, como consumidores e como cidadáns ante este tipo de agresións”, afirma, porque “se ti non queres na súa tenda persoas galegofalantes estás discriminando por motivos lingüísticos”. “Por iso é necesario que teña éxito a Iniciativa Lexislativa Popular que estamos impulsando dende A Mesa e Queremos Galego para blindarmos os nosos dereitos”, conclúe.

A entidade en defensa da lingua recibiu, a través de A Liña do Galego, o testemuño dunha agresión lingüística sufrida por unha cidadá á que lle foi negado o seu dereito a empregar na nosa lingua nun negocio de Vigo e, chegado o momento, a folla de reclamacións para reflectir a situación vivida. A persoa agredida denuncia “manobras intimidatorias” para evitar a queixa por parte do persoal do establecemento, que segundo asegura chegou a dicirlle que “non queren clientes coma min”.

A Mesa recorda que calquera persoa que sufra calquera agravio ou discriminación por utilizar ou defender a lingua galega pode dirixirse á Liña do Galego, un servizo gratuíto dirixido a toda a poboación que tramita queixas cara ás institucións, empresas, etc, que vulneran os dereitos lingüísticos; así como parabéns para quen dea pasos cara a garantía do dereito a vivir en galego.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra