A Mesa denuncia no Parlamento europeo o incumprimento da Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias

O secretario de relacións insternacionais Paulo Filgueiras expuxo no intergrupo de linguas o relatorio sobre a Carta que A Mesa presentou ao Consello de Europa

A Mesa pola Normalización Lingüística presentou o seu relatorio sobre o cumprimento da Carta Europea das linguas rexionais e minorizadas Parlamento Europeo. A intervención tivo lugar no intergrupo de linguas minorizadas onde participan representantes de todos os grupos parlamentares europeos, por convite da eurodeputada do BNG, Ana Miranda, e correu a cargo do secretario de Relacións Internacionais da Mesa pola Nornalización Lingüística, Paulo Filgueiras.

Filgueiras explicou que, en ocasións anteriores, os expertos europeos alertaron sobre as graves deficiencias na aplicación da Carta, nomeadamente no ensino a través do mal chamado Decreto de plurilingüísmo que prohibe o galego en materias como matématicas, tecnoloxía e física e química, o que motivou unha recomendación do propio Consello de Ministros sinalando que a introdución doutra lingua non podía servir de escusa para a eliminación da propia no ensino. “Porén, nesta ocasión, o Estado remitiu ao Comité de Expertos un informe que manipula os datos e que mente, co fin de obter unha avaliación positiva”, denunciou o representante da Mesa.

Ao seu xuízo, a Carta se converte en “papel mollado” se non se habilitan mecanismos para facer cumprir o tratado. Neste sentido, Filgueiras mencionou diversos casos da situación do galego en Galiza, como as queixas da cidadanía que non poden acceder á xustiza en galego, a animadversión e insultos por parte de funcionarios, a ausencia do galego nos medios de comunicación, “menos actualmente nos medios escritos diarios que a principios dos anos 80”, apuntou.

Outro dos aspectos que denunciou Paulo Filgueiras é o da substitución lingüística que segundo ten constatado A Mesa se está producindo do galego polo castelán en espazos comunicativos que eran inicialmente en galego fomentados tanto polo goberno galego como o estatal.

A Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias é un tratado internacional promovido polo Consello de Europa para garantir a normalidade das linguas minorizadas que o Estado español ratificou en 2001 no seu grao máximo. Segundo a Carta, o Estado ten que garantir o uso pleno do galego nos territorios onde é oficial ou está protexido polo Estatuto en ámbitos como educación, xustiza, administración, relación sociais e económicas, cultura ou relacións transfronteirizas.

 

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra