A directora do Observatorio de Dereitos Lingüísticos, Elsa Quintas, trasladoulle ao conselleiro de Educación, Román Rodríguez, as queixas recibidas pola Mesa pola Normalización Lingüística, a través da Liña do Galego e do propio Observatorio, respecto dunha exposición para concienciar sobre o uso do móbil, co logotipo da Xunta de Galicia e os contidos en castelán.
Quintas solicítalle a Rodríguez “que tome as medidas necesarias para corrixir esta situación e evitar que se repita no futuro” e recórdalle que o Estatuto de Autonomía de Galiza dispón no seu artigo 5 que “a lingua propia de Galiza é o galego” e que os poderes públicos de Galiza garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciaran o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa.
Así mesmo, a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, indica no seu artigo 4.1 que o galego é lingua oficial das institucións da Comunidade Autónoma e da súa Administración; e o artigo 6.3 do devandito texto legal insta os poderes públicos de Galiza a promoveren o uso normal da lingua galega, oralmente e por escrito, nas súas relacións cos cidadáns.
Ademais o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega establece nos seus obxectivos específicos (medida 4.1b) a necesidade de “incrementar os recursos lingüísticos e ofrecer as ferramentas tecnolóxicas que permitan que a empresa desenvolva a súa actividade en galego”. Cómpre lembrar tamén as Recomendacións de obrigado cumprimento do Consello de Europa que engadían no seu Informe de avaliación a medio termo do 5º ciclo de avaliación da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minorizadas que “o ensino debe ter o galego como lingua de instrución” e, no 6º informe instaba o goberno a “desenvolver materiais educativos en lingua galega, para a educación técnica e vocacional”.
A Liña do Galego é un servizo gratuíto ofrecido pola Mesa pola Normalización Lingüística dirixido a toda a poboación que tramita queixas cara ás institucións, empresas, etc, que vulneran os dereitos lingüísticos; así como parabéns para quen dea pasos cara a garantía do dereito a vivir en galego. Este servizo conta coa colaboración da Deputación da Coruña.

