A Mesa denuncia que a Deputación da Coruña exclúe o galego na súa nova sinalización viaria

A asociación en defensa da lingua presentou unha queixa ante a institución que preside Diego Calvo polo incumprimento da Lei de Administración local de Galiza e a normativa sobre a sinalización das estradas

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2013. A Mesa pola Normalización Lingüística denunciou esta mañá unha nova exclusión do galego nos sinais que a Deputación da Coruña está a colocar nas estradas da provincia, vulnerando a lexislación vixente.

 

A Mesa dirixiuse á institución presidida por Diego Calvo para presentar unha queixa formal e instala a substituír esta sinaléctica por outra en galego que se axuste á legalidade.

 

Segundo as queixas recibidas pola asociación, a Deputación da Coruña está a colocar diversos sinais nas estradas da súa titularidade, como por exemplo a desta fotografía na vía Coruxo-Oleiros, indicando a necesidade de respectar os ciclistas e as distancias de seguridade.

 

Esta exclusión é contraria á lexislación aplicábel, como o artigo 5.3 do Estatuto de Autonomía, o artigo 6.3 da Lei de normalización lingüística, e sobre todo incumpre a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración Local de Galiza, que no seu artigo 7 promulga que “o galego, como lingua propia de Galiza, éo tamén da súa Administración Local”, e continúa dicindo que “todos os actos de carácter público ou administrativo que se realicen por escrito en nome das corporacións locais redactáranse en lingua galega”, o que inclúe os rótulos e sinais da vía pública e dos edificios municipais.

 

A Mesa lembrou máis unha vez que nin sequera no caso de sinalizcións dependentes da administración estatal ou das súas concesionarias é legal a exclusión do galego, segundo o estipulado no Real Decreto 334/1982 sobre sinalización de estradas, aeroportos, estacións ferroviarias, de autobuses e marítimas e servizos públicos de interese xeral noámbito das Comunidades Autónomas con outra lingua oficial distinta do castelán (BOE núm. 50, de 27 de febreiro de 1982).

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra